A xuntanza convocada por Augas de Galicia cos concellos que se abastecen do sistema do encoro de Eiras e con Ponte Caldelas, como municipio máis afectado polo transvasamento do río Verdugo, rematou cun balance moderadamente satisfactorio para as partes.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, indicou, en concreto, que acabou a xuntanza "moderadamente satisfeito" porque as advertencias de recursos xudiciais dos concellos afectados polas obras e as manifestacións comezan a facer efecto. "Augas de Galicia aínda non o admite publicamente, pero dá toda a sensación de que a ocorrencia de facer esta salvaxada ambiental de meter sete quilómetros de tubaxes por emerxencia acabouse, porque xa empezaron a falar da necesidade dun consenso entre todas as partes", sinalou ao respecto.
Por parte de Augas de Galicia, a administración autonómica segue a apelar ao entendemento e á colaboración entre os concellos que se abastecen do sistema de Vigo para avanzar no reforzo do sistema de abastecemento da comarca e acorden unha postura nesta materia.
Andrés Díaz subliña que "estamos diante dun sustancial cambio de actitude" por parte de Augas de Galicia, "pois enterámonos do trasvase pola prensa en novembro, convocáronnos a unha xuntanza case un mes despois e só para dicirnos que a decisión de facer as obras por emerxencia estaba tomada, así que hoxe vemos un cambio na dirección correcta".
Ao respecto, destaca que o convenio entre Augas de Galicia e o Concello de Vigo para o financiamento das obras, que se anunciaba como inminente, segue pendente de firma e cos trámites previos de aprobación polas partes. O Concello de Ponte Caldelas xa advertiu tamén que baralla recurrir ese convenio se chega a asinarse.
Andrés Díaz recalca que a declaración de emerxencia declarada "de xeito escuro" por Augas de Galicia, e que o Consello da Xunta de Galicia debe validar no prazo de dous meses, é "insostible xuridicamente" e dirixiuse ao director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, para pedir aclaracións sobre se seguen adiante con este procedemento, que significaría o comezo inmediato das obras.
Pola súa parte, Roberto Rodríguez indicou, a través dun comunicado, que o Goberno galego segue a disposición do Concello de Vigo, e dos municipios do sistema, para a execución dunha nova captación e condución de auga desde o río Verdugo. Recordou que esta actuación nace no marco das reunións de coordinación pola situación por Seca, onde participaban todos os concellos convocados.
Ante a conflitividade xerada entorno á execución desta obra, Rodríguez reiterou a información xa trasladada con anterioridade sobre a non afección da execución da obra nin ao río nin ao marisqueo, xa que respectará en todo momento o caudal ecolóxico do río Verdugo, e demandou consenso para a súa execución. brindouse como mediador neste conflito entre administración locais para levar adiante a obra de reforzo do abastecemento a Vigo e a súa área, desde o río Verdugo, sen conflito político e social.
Ao termo da xuntanza, Augas de Galicia e os concellos afectados quedaron emprazados para unha futura xuntanza para "seguir falando na busca do consenso".
PANCARTA EN EIRAS
A Plataforma en Defensa do Verdugo (PLADEVER) protagonizará este sábado no Encoro de Eiras un acto lúdico e de protesta para despedir o ano e dar a benvida ao 2018 cunha actividade orientada a reivindicar a importancia do papel dos "ríos con vida".
A partir das 11.30 horas, membros do colectivo descolgarán unha pancarta xigante alusiva á necesidade dunha xestión máis racional e eficiente do auga para uso doméstico ao tempo que transforman en ambiente festivo o derradeiro acto reivindicativo a prol da defensa do río Oitavén.
Este colectivo tamén acaba de solicitar a celebración dunha xuntanza de urxencia con Augas de Galicia e coa Valedora do Pobo co fin de poder frear dun xeito definitivo o proxecto, do que o seu voceiro, Fernando Malvar, sostén que "acabaría condeando á morte total dun ecosistema único no mundo e que forma parte da identidade de Galicia ademais de ser decisivo na conformación das Rías Baixas e salvagarda e garantía de continuidade deste sistema medioambiental".