A retranca enche as rúas de Pontevedra coa Mostra da Parodia

Pontevedra
24 de febreiro 2018

Unha semana máis tarde o previsto, polas choivas que obrigaron a aprazar parte do Entroido pontevedrés, co mesmo humor e igual diversión de sempre. A XXIII Mostra da Parodia do entroido da Boa Vila volveu a alagar de retranca e bo ambiente as principais rúas e prazas do centro histórico

Mostra da Parodia 2018
Mostra da Parodia 2018 / Diego Torrado

Unha semana máis tarde o previsto, polas choivas que obrigaron a aprazar parte do Entroido pontevedrés, co mesmo humor e igual diversión de sempre. A XXIII Mostra da Parodia do entroido da Boa Vila volveu a alagar de retranca e bo ambiente as principais rúas e prazas do centro histórico.

Xa sen a presenza de Ravachol, reducido a cinzas o pasado sábado, dez agrupacións despregaron o seu enxeño, a súa falta de vergoña e o seu bo humor para que centos de persoas gozasen cunha das citas imprescindibles do entroido.

Á cita non faltaron Os do Val do Lérez, que representaron na Praza de España uns aloucados "juevos olímpicos"; Vamos a Todo, que recuperaron as antigas redes sociais cun concorrido lavadoiro de roupa nos soportais da Ferrería; ou Equipo Ja, que ocupou a Praza de Ourense cunha entretida atracción de coches de choque.

Na Praza do Teucro, o público puido asistir a unha parodia do programa Land Rober da TVG; mentres que a Recreativa de Xeve converteu o cruzamento das rúas Michelena e Gutiérrez Mellado nunha popular romaría tradicional e Os de Sempre, situados na praza de Curros Enríquez cun show ao máis puro estilo Village People.

Amoriños de Bora, cun auténtico salón de videoxogos na Praza da Peregrina; Os das Pistas, que montaron o seu propio centro de día para maiores diante de Casa Alcalde; Benito Soto y los Bailones de Nunca Jamás, que animaron a rúa Alhóndiga; e Cotilleos PTV, co seu propio baile de fachas na rúa Manuel Quiroga, completaron a noite.

O xurado outorgou o primeiro premio a Vamos a Todo, que recibiu 1.300 euros. O segundo foi para Cotilleos PTV e Equipo  Ja, gañadores de 1.000 euros; e o terceiro premio, valorado en 700 euros, foi para a Recreativa de Xeve, Os das Pistas e O Land Rober en Directo.

A traca final do Entroido de Pontevedra será este sábado coa Noite Pirata, que a partir das 22.00 horas celebrarase polo centro histórico. Ademais, unha festa infantil pirata animará a xornada desde as cinco da tarde na Praza dá Ferrería.

Arquivado en