A Concellería de Educación aproveitará a retirada do transformador de Fenosa da entrada do CEIP Barcelos para dotar ao centro escolar dun itinerario accesible. A proposta foi plantexada este venres nunha reunión que a presidenta da Asociación de Nais e Pais de Alumnos O Galo, Axa Tilve, mantivo co responsable da área, Tino Fernández, e o concelleiro responsable de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes.
Fernández aproveitou a reunión para explicarlle á voceira da Anpa o estado dos trámites burocráticos que levarán ao traslado do devandito transformador. Así, o Concello ven de acadar un acordo con Fenosa que deixa vía libre para que os servizos técnicos municipais poidan elaborar o prego de condicións para contratar o deseño do proxecto e execución das obras conforme ás indicacións da eléctrica.
O edil de Educación garantizoulle a Tilve que a Oficina Técnica de Medio Ambiente, Infraestruturas e Enxeñería (OTMAIES) axilizará ao máximo os trámites burocráticos para que o transformador quede soterrado fóra do colexio e deixe de supoñer un perigo para os nenos.
"Será cuestión duns meses e aproveitaremos a ocasión, unha vez que se retire, para mellorar as condicións da entrada ao CEIP Barcelos e dotalo dun itinerario accesible", asegurou.
Tino Fernández tamén se comprometeu coa Anpa a mellorar a deseñar un proxecto de mellora da eficiencia enerxética no centro educativo, así como a revisar o estado dos baños infantís, para reformalos.
Outra das propostas que xurdiu da reunión foi a posible creación dunha horta escolar nunha zona verde anexa ao parque de xogos infantís de Barcelos (entre o vial de acceso ao colexio e ao centro médico de Adeslas e o que dá ao muro do convento de Santa Clara). Tal e como explicou Iván Puentes, esta horta enmarcaríase dentro dun "plan de ordenación e racionalización deste tipo de cultivos participativos" que o servizo municipal de Medio Ambiente está a deseñar en colaboración coa Concellería de Educación.