A restauración de Santa Clara solucionará o "desastre" dos engadidos feitos ao convento

Pontevedra
24 de novembro 2022

Os engadidos que se foron facendo, sobre todo ao longo do século XX, á estrutura orixinal do convento de Santa Clara foron "un pouco desastre". De aí que a súa restauración traballará sobre a base de "poñer remedio" á situación na que está todo este complexo. Así o avanzou este mércores Victoriano Nodar, responsable da arqueoloxía da arquitectura no estudo feito sobre o convento de Santa Clara

Victoriano Nodar no convento de Santa Clara
Victoriano Nodar no convento de Santa Clara / Mónica Patxot

Os engadidos que se foron facendo, sobre todo ao longo do século XX, á estrutura orixinal do convento de Santa Clara foron "un pouco desastre". De aí que a súa restauración traballará sobre a base de "poñer remedio" á situación na que está todo este complexo.

Así o avanzou este mércores Victoriano Nodar, responsable da arqueoloxía da arquitectura no estudo feito sobre o convento de Santa Clara, nunha das charlas organizadas pola Deputación e o Concello de Pontevedra para conmemorar o aniversario do compra do convento.

Esta segunda charla sobre a casa das clarisas, celebrada na antiga capela, centrouse en amosar a "potencia" das construcións levantadas nos séculos XIV e XV e o interese por mellorar as condicións de vida das monxas no XVIII, no momento da Ilustración.

"En Santa Clara consérvase moito do convento medieval. Máis do que pensabamos e iso non é habitual en Galicia", subliñou este experto, que presentou a súa hipótese sobre a evolución das diferentes etapas que atravesou o recinto.

Así, en base aos achados, os investigadores aprecian que había un mosteiro cun proxecto "ambicioso, moi austero como eran as clarisas e feito con moitas fases, pouco a pouco".

A parte medieval, destacou Nodar, é quizais a de maior interese e moi singular porque se dá en poucos lugares, xa que a maior parte dos mosteiros e conventos do país renovaron completamente os seus edificios conventuais nos séculos XVI, XVII e XVIII. 

Explicou que na primeira subfase do medievo no convento había un núcleo, no que se dubida de que ata existise a igrexa actual -que se fixo a continuación-, xunto cun primeiro claustro que non é o que se mantén, e outros edificios que se seguiron completando.

Do mosteiro medieval púidose recoñecer a zona de refectorio, a porta de arco apuntado -por onde se entra agora como portería- como a sala capitular das monxas, e incluso se identificou algunha capela na mesma panda, probablemente funeraria. 

Posteriormente, no século XVI o que fixeron as monxas foi un acondicionamento ou actualización porque cambiara o estilo, modificando esteticamente as estancias e dándolle un "aire máis moderno", con fiestras máis anchas, arcos máis grandes e incluso pinturas.

Xa no século XVII, segundo o investigador, as monxas fixeron algunhas intervencións no conxunto do convento, pero xa hai constancia de que desapareceron parte dos edificios medievais, reparándose o que quedaba. 

Outro gran momento viviuse no século XVIII coa construción do edificio grande da parte oeste onde están as actuais celas. Non se trata dunha ampliación. Os motivos da obra foron outros: que se dispoñía dunha economía saneada e que estaban na Ilustración.

"O que se busca son novas condicións de habitabilidade e hixiene que antes non eran tan importantes", destacou Victoriano Nodar. Non tiraron os pavillóns medievais senón que os reutilizaron como cortes ou adega "e elas van vivir ao novo edificio, que ten uns bos muros". 

Ademais, todas as celas pasaron a ter o seu lavadoiro para asearse, con ventilación cos batentes das ventás para evitar as pandemias, dixo Nodar, destacando que estas obras para mellorar as condicións de vida da comunidade volveron sen embargo quedar sen rematar "porque ou ben non precisaban máis mellora ou rematou o momento da economía saneada".

O ciclo de charlas en Santa Clara continuará o 29 de novembro cun faladoiro da responsable dos traballos de conservación e restauración, Aldara Rico, que fará un percorrido polos milleiros de pezas de cerámica e outro tipo de obxectos singulares atopados nas catas.