A Restauración borbónica e a construción do ferrocarril rebaixan a tensión no inicio da ABAU en Pontevedra

Pontevedra
07 de xuño 2022

Os exames da Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade comezaron este martes no campus universitario de Pontevedra coas probas de Historia e Lingua Castelá e prolongaranse ata o xoves

Primeira xornada de exames da ABAU no campus de Pontevedra
Primeira xornada de exames da ABAU no campus de Pontevedra / Diana Eiras

"Foi doado", "saíume ben" ou "mellor do esperado" eran comentarios que podían oírse en calquera dos numerosos círculos que se formaron esta mañá de martes nas principais facultades do campus de Pontevedra.

As probas de acceso á universidade, a ABAU, comezaron ás 10 da mañá co exame de Historia de España. Antes do inicio da proba, os aspirantes a universitarios eran un feixe de nervios, pero hora e media despois esa tensión xa non era tan palpable. "Ao principio demasiados nervios, sobre todo onte", recoñecía unha das examinadas. "O primeiro exame é o peor de todos", apoiaba un compañeiro seu.

A pesar da preocupación dos días previos ao comezo destas tres xornadas de exames, o sentir xeral ao finalizar a primeira proba era de alivio. Os examinados tiveron que elixir entre dúas alternativas, por unha banda a construción e expansión do ferrocarril pola xeografía española; por outro, a Restauración Borbónica posterior á Primeira República. En ambos, casos os alumnos deberían desenvolver o tema relacionando e comentando documentos reais daquela época.

Con todo, non todos saíron satisfeito deste primeiro test. "Moito triplo", dixo outro alumno recoñecendo que soltou algunha resposta ao azar coa esperanza depescar algún punto. "Podía ser mellor, pero tamén peor", matizaba outro.

Despois de romper o xeo con Historia, foi a quenda de Lingua Castelá. Neste exame, os aspirantes debían demostrar os seus coñecementos tanto en ortografía como en literatura. Análise de oracións, familias léxicas ou resumo de textos compoñían a primeira parte da proba. No apartado de literatura, tocou elixir entre Buero Vallejo ou Muñoz Molina, así como entre o Romancero Gitano ou Crónica de una Muerte Anunciada.

Superado o primeiro envite, os futuros universitarios continúan o seu maratón de exames esta tarde, mañá e terminarán o xoves. A proba de Inglés é a que máis teme a maioría, sobre todo aqueles que precisan unha nota elevada para poder acceder á carreira dos seus soños. 

Ao longo desta primeira xornada déronse cita nas tres sedes do campus pontevedrés un total de 1.228  esudiantes pertencentes a 28 centros de 14 municipios das comarcas de Pontevedra e O Salnés. Os  examenes están a realizarse nas facultades de Ciencias da Educación e o Deporte, así como na de Ciencias Sociais e da Comunicación e na Escola de Enxeñería Forestal. Así mesmo, no Centro de Recursos Educativo da ONCE examínanse seis estudantes que presentan algún tipo de discapacidade. Esta frenética actividade manterase durante as dúas próximas xornadas.