A Deputación de Pontevedra confirmou este mércores á Federación Galega de Municipios e Provincias, FEGAMP, a súa dispoñibilidade para acoller ata 35 persoas refuxiadas de Ucraína para axudar a resolver a crise humanitaria derivada da invasión do país por parte de Rusia, e pon a disposición a Residencia do Centro de Menores Príncipe Felipe con espazos para unidades familiares.
No comunicado remitido á FEGAMP, que iniciou a recompilación de información sobre a dispoñibilidade das distintas administracións para organizar o operativo de acollida, o goberno de Carmela Silva confirmou tamén que as persoas refuxiadas disporán de servizo de comedor, roupeiro e lavandería existente no centro residencial para garantir a cobertura das súas necesidades básicas, así como a existencia de servizo de enfermería, asistencia social e servizo de atención psicolóxica, así como dos equipamentos lúdicos e deportivos do Complexo.
A presidenta Carmela Silva sinalou hoxe que "é o momento de comprometerse porque ante o que está pasando non se pode mirar a outro lado. Temos que cooperar e as administracións debemos estar á altura". A presidenta provincial explicou que o ofrecemento da Deputación foi determinado tendo en conta os recursos existentes e tamén os condicionantes que aínda derivan da pandemia para poder garantir os protocolos de protección e prevención neste centro de menores de carácter social.
Tamén a Xunta de Galicia trasladou ao Goberno central a súa "total dispoñibilidade" para colaborar no acollemento de menores que proveñan de Ucraína. A Consellería de Política Social ofreceuse a achegar todos os recursos á súa disposición nunha carta que remitiu este mesmo mércores ao Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030.
A Xunta xa puxo á súa disposición 432 camas nas sete áreas sanitarias galegas para prestar asistencia á poboación de Ucraína.
O Goberno galego cre que a colaboración neste tipo de circunstancias humanitarias debe ser coordinada desde o Executivo central, polo que propuxo a apertura dun mecanismo permanente de coordinación para o envío de axuda humanitaria.
EIXO ATLÁNTICO
Tamén o Eixo Atlántico deu unha resposta coordinada ofrecéndose para a acollida de refuxiados na medida das posibilidades de cada unha das cidades.
Ata este mércores 2 de marzo, 22 cidades manifestaron a súa dispoñibilidade para o acollemento, aínda que, a Secretaría Xeral do Eixo Atlántico prevé que aínda poidan ofrecerse máis cidades dado que esta semana foi anómala por causa do Entroido, tanto en Portugal como en Galicia.