A residencia de Campolongo celebra os 103 aniversarios de Olga Macías, a súa residente máis lonxeva

Pontevedra
06 de xuño 2022

A centenaria leva vivindo neste centro de maiores desde a súa inauguración hai case 30 anos e segue acudindo a diario á cafetería para gozar do seu café con churros

Olga Macías celebra o seu 103 aniversario na Residencia de Campolongo
Olga Macías celebra o seu 103 aniversario na Residencia de Campolongo / Diana Eiras

Olga Macías celebrou este luns uno dos seus aniversarios máis especiais. Non só por alcanzar os 103 anos de idade, tamén porque despois de dous anos de pandemia e de duras restricións, sobre todo á hora de manter o contacto estreito cos seus seres queridos; por fin puido soprar as velas rodeada dos seus compañeiros de residencia e coa compañía dos seus familiares.

Acompañada por unha das súas preto de 40 netas e netos, Olga entrou á sala de reunións da residencia de maiores de Campolongo, na que vive desde a súa inauguración, onde agardaban boa parte dos seus compañeiros. Despois de recibir un ramo de flores de mans do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e soprar as velas dunha torta de amorodos con nata, os que acudiron á festa sorprenderon á centenaria cantándolle uns emotivo Cumpreanos Feliz.

"Ela está moi ben, é unha persoa moi feliz, sempre está a sorrir e sempre ten palabras bonitas para todo o mundo. Ademais está ben de saúde, come de todo e participa de todo", explica unha das súas netas. Aínda que presenta problemas de mobilidade, non hai un só día que Olga non baixe a tomar o café con churros á cafetería "e non llos quites porque o mesmo enfádase", puntualiza o director da residencia, Juanjo López.

Aínda que esta histórica modista nada en Pontevedra en 1919, négase a admitir que superou os 100 anos de idade —"eu teño 98", responde ao preguntarlle cantos anos ten—, a celebración desvelou unha curiosidade que afecta a moitos cidadáns nados naquela época. A data de nacemento do seu DNI e da súa partida de nacemento non se corresponden, así que en realidade ninguén sabe se cumpre 102 ou 103 anos, aínda que o rexedor pontevedrés teno claro: "Ten 103 e xa é ou cuarto ramo que lle dou. Como todos vos anos vimos aquí a vela", declarou o mandatario.

Olga é a maior da residencia, pero en Pontevedra hai persoas aínda máis lonxevas, "temos unha veciña de 107", lembrou Lores.

A preocupación por garantir unha boa calidade de vida ás persoas da terceira idade expresouna o director xeral de Maiores da Xunta de Galicia, Antón Acevedo, que tamén acompañou a Olga neste día especial. "Despois de dous anos nos que nas residencias o pasaron mal porque os residentes tiveron un nivel de illamento moi grande, este tipo de eventos son a mostra de que estamos a saír da pandemia e de que temos que camiñar hacia novos modelos de coidados para que toda a xente que está aquí teña un futuro como se merece e coa mellor atención", declarou o dirixente, quen tamén avanzou que o inicio das obras da nova residencia promovida pola Fundación Amancio Ortega "está nos últimos trámites".