A reordenación do tráfico de Pontevedra, no punto de mira de Italia

Pontevedra
10 de setembro 2019

O concelleiro da cidade italiana Ruvo di Puglia, Antonio Mazzone, estivo durante a mañá deste martes reunido coa concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, para coñecer os parámetros aplicados para desenvolver o modelo urbano de Pontevedra

Vista aérea da cidade de Pontevedra
Vista aérea da cidade de Pontevedra /

O concelleiro da cidade italiana Ruvo di Puglia, Antonio Mazzone, estivo durante a mañá deste martes reunido coa concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, para coñecer os parámetros aplicados para desenvolver o modelo urbano de Pontevedra e aplicalos para así avanzar na súa planificación urbana.

O concelleiro italiano, responsable municipal de promover políticas ambientais, enerxéticas e de desenvolvemento sustentable para o territorio, asegurou que as ideas básicas máis destacables da experiencia pontevedresa son o concepto do "espazo público como un dereito" e a "área 30".

Mazzone explicou que o modelo da boa vila "permite que todo o mundo poida moverse sen problema", pero que esas medidas son moi difíciles de implantar en Italia, xa que as medidas de ordenación do tráfico son "impopulares" a pesar de estar a traballar en aplicalas.

Ruvo de Puglia é unha cidade de aproximadamente 26 mil habitantes, e tal e como comentou o concelleiro, a primeira medida que adaptou en reordenación do tráfico consistiu nun plan de aparcamento específico no interior do centro histórico, xa que a presión nesa zona era elevada.

Por último, asegurou que a pesar de que esa medida foi impopular, na cidade continuaron cunha iniciativa chamada 'piedebus', para facilitar que os máis pequenos vaian camiñando ao colexio e que, actualmente están a probar a facer un roteiro ciclista na periferia da cidade.