A renovación das beirarrúas da estrada PO-226 en Moraña estará concluída na primavera de 2023

Umia
15 de xuño 2022

Mellorarase un treito de 300 metros da que é a vía principal do municipio, desde a intersección que dá acceso á Casa do Concello ata o límite do núcleo urbano, renovando as beirarrúas e adaptándoas á nova normativa de accesibilidade e rehabilitando o firme dos carrís de circulación

A conselleira presentou a licitación das obras de renovación das beirarrúas da estrada PO-226
A conselleira presentou a licitación das obras de renovación das beirarrúas da estrada PO-226 / Xunta de Galicia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou este mércores a licitación das obras de renovación das beirarrúas da estrada PO-226, un investimento de máis de 387.000 euros para facilitar a mobilidade dos veciños de Moraña que estará concluída na primavera de 2023.

Vázquez Mourelle visitou este mércores o municipio, onde informou da contratación da actuación nun treito desta vía autonómica que, cualificou de estratéxico, coincidente co núcleo de Santa Lucía, na parroquia de Saiáns, onde está situada a Casa do Concello, a biblioteca pública e a escola municipal de música, ademais de diferentes establecementos comerciais, como a panadería.

A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle o inicio da contratación destas obras que, tal e como apuntou a conselleira, dá cumprimento o compromiso da Xunta de licitalas antes do verán. As empresas interesadas teñen ata o vindeiro 11 de xullo para presentar as súas ofertas.

A conselleira sinalou o obxectivo da Xunta de adxudicar as obras xa no mes de setembro e empezar a traballar sobre o terreo xa no outono, e que contan cun prazo de execución de seis meses.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade precisou que se intervirá nun treito de 300 metros desta estrada PO-226, desde a intersección que dá acceso ao Consistorio ata chegar ao límite do casco urbano, onde as beirarrúas se atopan deterioradas debido ao esgotamento da vida útil do pavimento. A Xunta vai actuar, renovándoas e adaptándoas á nova normativa de accesibilidade.

Tamén está prevista a rehabilitación do firme dos carrís de circulación, aproveitando a actuación para intervir nos servizos de abastecemento, saneamento e pluviais, impulsando unha importante mellora, ao construír unha liña exclusiva para canalizar a auga de chuvia e separala das fecais. É dicir, vaise crear neste treito unha rede de saneamento separativa.

Ademáis se renovará a iluminación e procederase ao soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións. A actuación completarase coa instalación de mobiliario urbano e axardinamento.