A renovación da cuberta e a iluminación completará a modernización do ximnasio do colexio Santa Lucía de Moraña

Umia
17 de setembro 2024

A actuación ten un prazo de execución de tres meses e arrancará "en breve" co proceso de licitación e contratación. O Concello pretende corrixir os problemas de temperatura que se presentan nas épocas de maior frío e calor e as situacións de condensación que aparecen ao longo do ano

Visita do alcalde ao ximnasio do CPI Plurilingüe Santa Lucía
Visita do alcalde ao ximnasio do CPI Plurilingüe Santa Lucía / Concello de Moraña

Novo paso para completar a modernización do ximnasio do CPI Plurilingüe Santa Lucía de Moraña. O Concello contratará un proxecto para a renovación integral da cuberta e a instalación de iluminación Led.

Esta actuación suporá un investimento de 50.000 euros que serán financiados cunha achega da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta. 

A actuación ten un prazo de execución de tres meses e arrancará "en breve" co proceso de licitación e contratación.

O Concello pretende corrixir os problemas de temperatura que se presentan nas épocas de maior frío e calor e as situacións de condensación que aparecen ao longo do ano.

O alcalde de Moraña, Sito Gómez, anunciou este novo investimento nunha visita de supervisión ao estado do recinto e garantiu o "compromiso decidido e constante" do Concello co colexio, que acolle unha comunidade educativa de máis de 400 persoas,.

Sito Gómez explicou que, con este novo proxecto, "poderemos dar por rematada a súa modernización total tras as moitas actuacións realizadas en anos anteriores". 

O novo proxecto consiste na retirada da cuberta e a substitución por un novo teito de formato panel sándwich, que permitirá mellorar a confortabilidade térmica, o illamento e a eficiencia.

Tamén se procederá á renovación de todos os canlóns e sistemas de evacuación de augas pluviais e á dotación dunha nova iluminación con tecnoloxía Led que potenciará as condicións de visibilidade do recinto deportivo.