O destape do río Gafos ao seu paso por Campolongo será unha realidade. Pero o proxecto que impulsará o o goberno municipal irá "moito máis aló" do feito de destapar a cuberta de formigón do río. Así o anunciou este luns o concelleiro de Obras, César Mosquera.
As conclusións do estudo xeotécnico, hidroxeolóxico e estrutural que se fixo durante os últimos meses en todo o tramo soterrado, os 535 metros entre Alcalde Hevia e Xeneral Rubín, abren a posibilidade de facer unha intervención moito más ambiciosa para renaturalizar toda esta zona.
Este proxecto será "en base ás posibilidades existentes na actualidade", afirmou Mosquera, polo que non poderán recuperarse as condicións iniciais do río, que antes dos anos 70 contaba unha especie de illa, ao ter a corrente de auga un brazo cara o que hoxe é a Praza da Constitución.
O edil insistiu en substituír o concepto de "destapar" polo de "renaturalizar", xa que o primeiro termo "quédase curto" e só fala dunha acción das que serán acometidas no conxunto do proceso, pensadas en que o río "teña un comportamento máis natural do que ten agora".
Así, o estudo contempla algunhas necesidades de actuación na canle actual, como por exemplo a retirada de certos elementos construtivos, como parte do muro de formigón existente, a soleira de formigón en masa situada na zona inferior do río, e, por suposto, a cuberta superior.
Ademais, apostarase por permeabilizar todo o seu lateral, o que permitirá nacer e medrar vexetación a carón de toda a canle do río "e darlle vida a este lugar".
As obras, que o Concello confía en iniciar en outubro, contempla tres tramos de actuación, que terá solucións diferenciadas en función do espazo existente para poder actuar sobre o río. Serán entre Alcalde Hevia e Iglesias Vilarelle, entre Iglesias Vilarelle e o colexio e entre o colexio e Xeneral Rubín.
"Sexa como for, o que está claro é que o cauce hai que protexelo, xa que se non podería cambiar no caso de recibir máis auga, máis aínda nas zonas de erosión, onde cambia de dirección", indicou César Mosquera durante a explicación das conclusións do estudo
En dous dos tramos, os expertos recomendan tratar unha ribeira con pouca pendiente ou aterrazada, pensada para non crear problemas de desprazamento de ningún tipo. No restante, por mor do espazo, crearíase unha escolleira revexetada. Sería, en todo caso, "a mínima intervención posible".
O que si é que en todos se levantará a soleira, a cuberta e parte do muro de contención, o que suporía que poderían ser retiradas máis de 7.000 toneladas de recheos e cascallos. Os edificios que hai en todo ese ámbito, segundo o estudo, "non terían ningún problema".
A partir de agora, o Concello traballará para encargar o proxecto que defina os detalles sobre as bases xeolóxicas e hidrolóxicas do estudo, é dicir, "onde irán os pasos superiores e as pontes, se haberá algún sitio de acceso ao cauce, onde vai unha terraciña ou non... todo iso".