A situación creada pola COVID-19 obrigou ao Concello a acometer obras para adaptar a súa planta baixa, que concentra a maior parte da atención ao público, as recomendacións das autoridades sanitarias. Pero este proxecto será máis ambicioso do previsto inicialmente.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, avanzou este luns que tamén se vai a reformular a segunda planta do edificio administrativo de Michelena 30, reservada actualmente para os servizos de Intervención e Xestión Tributaria.
A mudanza deste último servizo, que irá ao novo edificio de Ferreiros, permitirá redistribuír os espazos e, ademais de cumprir as distancias e medidas de seguridade para os traballadores municipais, vai a habilitarse unha gran sala de reunións.
O obxectivo é que esta sala teña a capacidade suficiente para acoller presencialmente e respectando as distancias as mesas de contratación do Concello, as comisións informativas e as reunións periódicas da Xunta de Goberno.
A reforma deste edificio ten un orzamento de 528.619 euros, que serán financiados a través dun convenio que o Concello asinará este martes coa Deputación de Pontevedra.
1,5 MILLÓNS DE EUROS INVESTIDOS
Anabel Gulías destacou que, desde o inicio do estado de alarma, o Concello destinou preto de 1,5 millóns a actuacións relacionadas coa COVID-19, destinadas tanto a prever os contaxios e garantir a seguridade de traballadores e da cidadanía como a atender situacións específicas.
Así, ademais dos cartos para readaptar as súas instalacións, o Concello investiu 909.411 euros atender todas as demandas xurdidas desde a área de Benestar Social, tales como o plan de continxencia para comedores escolares e familias en situación de risco de exclusión social, así como a posta en marcha e mantemento dos albergues para persoas sen teito.
Tamén se inclúen neste apartado a desinfección de vehículos municipais, a instalación de mamparas en todas as dependencias, os equipamentos informáticos para o teletraballo, a adquisición de EPI's, a contratación do sistema de cita previa, accións de promoción económica ou o traslado das oficinas que prestaban servizo en Michelena 30.
A estas accións, Gulías sumou os catro decretos do alcalde aprobados por emerxencia na Xunta de Goberno deste luns.
Así, aprobouse a adquisición de máscaras por un importe de 13.503 euros, a adquisición de equipos de protección individual por 12.303 euros, o subministro de alimentos para situación de primeira necesidade por 40.000 euros e un novo reforzo do servizo de limpeza e desinfección por 10.988 euros para as dependencias municipais con atención ao público.