O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolleu este xoves a conferencia de Francesco Tonucci 'A autonomía infantil: unha necesidade para os nenos e nenas, un recurso para a cidade e para a escola'.
O pedagogo italiano, que estes días protagoniza diferentes actividades na provincia para divulgar as súas ideas sobre o modelo urbano e a ocupación dos espazos públicos, ten unha relación coa cidade de Pontevedra que "é unha profunda simbiose, unha enorme coincidencia nas bases que soportan ambos", explicou na presentación da conferencia o vicepresidente da Deputación, César Mosquera.
Tonucci incidiu unha vez máis na importancia de deseñar as cidades a medida de todos os cidadáns, en especial tomando "como medida aos nenos e nenas".
"Os parques de xogo das cidades son lugares de segregación para os nenos. Se os nenos non teñen suxestións sobre que facer, como os tobogáns ou as randeeiras, non teñen máis remedio que inventar, e esa creatividade é o máis importante que se debe potenciar", explicou.
Neste asunto o pedagogo resaltou os custos de que os nenos non dispoñan da posibilidade de xogo autónomo, ademais dos beneficios que supón para toda a cidade que os menores gocen das rúas con liberdade, xa que "os nenos e nenas son como vixiantes. Se están na rúa obrígannos aos adultos para comportarnos mellor. Axudan a vixiar coa súa presenza en lugar de controlar con multas, o que fai que nos comportemos civilmente no espazo público", apuntou ante a audiencia presente.