A rehabilitación integral do barrio das Pedreiras comezará o próximo luns

Marín
26 de xaneiro 2022

Desde o Concello de Marín informan de que se trata dun proxecto complexo pola orografía propia da zona pero que suporá unha mellora a nivel estético, urbanístico e medio ambiental

Os concelleiros Marián Sanmartín e Pablo Novas cos técnicos da empresa que reformará o barrio das Pedreiras
Os concelleiros Marián Sanmartín e Pablo Novas cos técnicos da empresa que reformará o barrio das Pedreiras / Concello de Marín

Os concelleiros marinenses Pablo Novas e Marián Sanmartín acudiron este mércores ata a zona de Pedreiras para reunirse coa empresa que executará a primeira fase da rehabilitación integral deste barrio.

Dende o Concello de Marín informan de que se trata dun proxecto complexo pola orografía propia da zona pero que suporá unha mellora a nivel estético, urbanístico e medio ambiental.

En total, a actuación consistirá en catro fases de execución e suporá un investimento de 843.000 euros. O luns 31 de xaneiro arrancará a primeira das fases, na que está previsto actuar na rúa de Pedreiras de Arriba, nunha extensión de aproximadamente 700 metros cadrados. Na actuación realizarase unha reforma integral da zona, rehumanizando a rúa e renovando todos os servizos.

Os traballos faranse tratando de afectar o mínimo posible ao tráfico, aínda que pola propia natureza das obras será preciso levar a cabo cortes puntuais, segundo informa o goberno local.

As seguintes fases afectarán á rúa de Pedreiras do Medio (fase 2), rúa de Pedreiras de Abaixo (fase 3) e ao Lavadoiro e os camiños da Fonte de Pedreiras (fase 4).