A rehabilitación do núcleo do Xuviño sairá máis cara do previsto

Poio
24 de maio 2022

O edil de Urbanismo, Gregorio Agís (PSOE), lembra que o proxecto segue a estela doutras actuacións encamiñadas a recuperar en poñer en valor os núcleos tradicionais, incidindo na mobilidade sostible, a seguridade peonil e a renovación de servizos básicos

Núcleo de Xuviño en Poio
Núcleo de Xuviño en Poio / Concello de Poio

O Pleno ordinario de maio, que terá lugar o vindeiro día 31, abordará unha modificación orzamentaria, que servirá para incrementar ou dotar de financiamento a diferentes actuacións, entre elas a mellora do núcleo do Xuviño, na parroquia de Combarro. 

Segundo explica o concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), o importe adicional que se gaña a través desta modificación ascende a preto de 150.000 euros, que proveñen do Remanente de Tesourería resultante da Liquidación do Orzamento municipal de 2021.

Agís explica que "unha vez que o Pleno da Corporación aprobe esta modificación, xa estaremos en disposición de iniciar a tramitación para licitar as obras, algo que confiamos en poder facer o antes posible".

O edil socialista incide na importancia de desenvolver estes traballos, que buscan poñer en valor e rehabilitar "un núcleo tradicional de gran relevancia, no que continuamos coa nosa filosofía de apostar pola mobilidade sustentable, ao mesmo tempo que se mantén un respecto absoluto cunha contorna tan particular coma a que hai no Xuviño". O investimento total para facer realidade o proxecto superará os 300.000 euros. 

Gregorio Agís lembra que a actuación tamén se financiará a través de fondos europeos obtidos pola Concellería de Urbanismo e Promoción Económica, mediante xestión directa, ante o Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE).

O proxecto inclúe a mellora e renovación de servizos básicos e o reforzo da seguridade peonil.