A rehabilitación do Forno do Cal converte este patrimonio industrial nun novo atractivo turístico para Vilaboa

Vilaboa
21 de outubro 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este venres en Vilaboa o proxecto de rehabilitación do Forno do Cal realizado ao abeiro grupo de acción local do sector pesqueiro (GALP) Ría de Vigo-A Guarda

Forno do cal, en Vilaboa
Forno do cal, en Vilaboa / Xunta de Galicia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este venres en Vilaboa o proxecto de rehabilitación do Forno do Cal realizado ao abeiro grupo de acción local do sector pesqueiro (GALP) Ría de Vigo-A Guarda. 

Rosa Quintana destacou a aposta da Xunta por estes Galp aos que nos orzamentos de 2023 destina máis de 11 millóns de euros para garantir a súa actividade durante a transición ao novo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (Fempa).

En relación ao Forno do Cal, Rosa Quintana destacou que "o proxecto permitiu converter este elemento do patrimonio industrial de Vilaboa nun novo atractivo turístico". 

Durante a metade do século XX neste forno realizábase cal e a mercadoría para poder elaborala chegaba por mar. Este produto destinábase sobre todo á construción para o encalado de vivendas co obxectivo de sanealas e protexelas da entrada de insectos.

O proxecto de rehabilitación deste elemento recibiu unha axuda da Xunta de preto de 93.500 euros e incluíu o acondicionamento da contorna e a súa posta en valor, a través da instalación duns paneis informativos nos que se divulga a actividade industrial relacionada con este forno.