A rehabilitación das oito vivendas dos mestres de Cerdedo estará rematada no verán de 2021

Cerdedo-Cotobade
31 de outubro 2020

 As obras completarán a remodelación do inmoble despois de que o ano pasado se restauraran dúas casas, a cuberta e todos os espazos comúns. O Instituto Galego de Vivenda e Solo inviste 700.000 euros na segunda fase destes traballos. Estas vivendas serán ofrecidas en formato de alugueiro social

Rehabilitación das antigas vivendas dos mestres en Cerdedo
Rehabilitación das antigas vivendas dos mestres en Cerdedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

A segunda fase do proxecto de recuperación das antigas vivendas dos mestres de Cerdedo rematarán o verán vindeiro. As obras levan en funcionamento desde hai dous meses e a intención do goberno local. que dirixe o alcalde Jorge Cubela, é que se concedan baixo o réxime de aluguer social coa idea de que os inquilinos poidan gozar destas vivendas a partir de decembro de 2021.

Os traballos contan coa promoción do Insituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) que inviste 700.000 euros. Están a restaurarse oito casas, despois de que en 2019 se reformaran dúas, a cuberta de todo o inmoble e os espazos comúns destas instalacións.

A primeira fase contou cun orzamento de 350.000  euors e dúas familias xa se atopan residindo nesas dúas vivendas a través do aluguer social. As novas vivendas tamén contarán con salón, cociña, cuarto de baño e habitacións, ademais dun pequeno xardín que linda coa pista multideporte situada nas inmediacións do colexio público San Xoán Bautista.

Unha vez que finalicen as obras de rehabilitación comezará a tramitación administrativa para que formen parte do catálogo de Vivendas de Promoción Pública. O alcalde de Cerdedo-Cotobade móstrase satisfeito co ritmo que levan estas obras e afirma que este investimento axuda á política de asentamento poboacional, promovendo a igualdade social.

Este proxecto súmase ao da recuperación do antigo centro médico de Carballedo para convertelo noutras catro vivendas sociais, que foi adxudicado cun orzamento de 423.000 euros para que se inicien as obras de rehabilitación antes de finais de 2020.