O Ministerio de Cultura e Deporte licitou por 1.275.945 euros o contrato para a redacción do proxecto e a dirección das obras de rehabilitación da antiga sede de Facenda en Pontevedra, que será o novo Arquivo Histórico Provincial.
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o próximo 25 de xuño.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, destacou que esta actuación permitirá recuperar unha "peza moi singular" do patrimonio arquitectónico de Pontevedra.
"É un avance na materialización dunha antiga demanda dos pontevedreses, que reclamaban a reforma e uso deste emblemático edificio, situado en pleno corazón da cidade", engadiu Losada.
En paralelo a este contrato, o Goberno licitou tamén a reparación integral da cuberta deste edificio, na que se investirán 600.000 euros.
A rehabilitación de antiga sede de Facenda en Pontevedra incluirá ademais un terceiro contrato, xa para a adxudicación das obras de reforma interior para o futuro Arquivo, que se licitarán cando o Ministerio de Cultura e Deporte teña o proxecto redactado.
A actual sede do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, situada desde 1960 na Casa dos Fonseca, no Paseo de Colón, resulta xa insuficiente para albergar todos os seus fondos, que desde o ano 2001 repártense tamén por unha serie de baixos alugados na cidade.
Para solucionar estes problemas de espazo, o Goberno adoptou a decisión de trasladar este arquivo á antiga sede da Delegación de Facenda, situada nunha parte do convento de San Francisco, que está sen uso desde o ano 2010 e foise deteriorando co tempo.