Coa obra do novo ascensor comezaron os traballos para a reforma integral do Pazo Emilia Pardo Bazán, na que se investirán 1,4 millóns de euros. A previsión é que esta actuación estea terminada a finais deste ano.
O edificio, cunha superficie de 3.000 metros cadrados, construíuse en 2004 e alberga diversas instalacións e actividades relacionadas coa cultura e a educación, entre elas a biblioteca ou o centro de arte de Sanxenxo.
A principal medida de mellora da accesibilidade consiste no cambio de modelo de ascensor a un cuxa cabina cumpra coas dimensións mínimas interiores adaptadas a persoas de mobilidade reducida e a prolongación do percorrido deste ata o soto.
A outra actuación de mellora da accesibilidade consiste na conexión entre plantas segunda e baixo cuberta. A biblioteca de planta segunda atópase conectada coa biblioteca infantil mediante unhas escaleiras, sen conexión mediante ascensor.
Por iso exponse demoler parcialmente as escaleiras, para ampliar o oco existente e poder executar unha plataforma vertical que permita facer accesible a planta baixo cuberta.
Ademais, colocarase unha nova sinalización adecuada que permita a súa fácil comprensión para persoas con diversidade sensorial, cognitiva e funcional e habilitaranse no aparcamento puntos de carga para coches eléctricos e prazas para bicicletas e para persoas con mobilidade reducida.
Para evitar as actuais filtracións e deficiencias no illamento térmico, substituiranse de carpinterías exteriores de portas, de maneira que se iguala á carpintería existente; e colocaranse lamas de protección solar móbiles na fachada do pazo.
Na cuberta, pola súa banda, exponse manter a estrutura actual, debido ao excelente material e estado de conservación, mentres que na fachada, substituiranse os paneis metálicos existentes sen illamento por paneis sándwich similar aos paneis de cuberta.
Tamén se mellorará o illamento acústico na zona de biblioteca, sala de música e salas de ensaio, así como en zonas administrativas e despachos para evitar a transmisión de ruído entre espazos de distinto uso e mellorar o acondicionamento acústico.
Con respecto á iluminación, cambiarase por tecnoloxía LED e modificarase o cableado para que, alí onde exista luz natural, se poida controlar a iluminación con sistemas intelixentes.
A maiores, realizarase unha instalación fotovoltaica na cuberta do edificio e no aparcamento para parte da enerxía eléctrica consumida no edificio e aproveitada para a carga de vehículos eléctricos sexa de orixe renovable, contribuíndo así ao coidado do medioambiente.