A reforma do pavillón da Cañota deberá estar rematada antes de abril de 2025

Marín
04 de decembro 2023

Algo máis de 660.000 euros vanse a investir nos traballos de reforma do pavillón da Cañota, en Marín, unha actuación deseñada para mellora da accesibilidade e eficiencia enerxética deste recinto polideportivo, un dos máis empregados polos deportistas da vila

Luis López e María Ramallo asinan o convenio para a reforma do pavillón da Cañota
Luis López e María Ramallo asinan o convenio para a reforma do pavillón da Cañota / Deputación de Pontevedra

Algo máis de 660.000 euros vanse a investir nos traballos de reforma do pavillón da Cañota, en Marín, unha actuación deseñada para mellora da accesibilidade e eficiencia enerxética deste recinto polideportivo, un dos máis empregados polos deportistas da vila.

A Deputación financiará o 70% do custe destas obras, uns 450.000 euros, no marco do programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (PON2030), mentres que o Concello achegará o 30% restante, algo máis de 200.000 euros.

"Somos un goberno que tendemos pontes e esta colaboración é un novo exemplo da nosa meta de construír unha provincia que vai a máis”, destacou o presidente da Deputación, Luis López, tras asinar o convenio de colaboración coa alcaldesa de Marín, María Ramallo.

A obra servirá para resolver os problemas de accesibilidade, illamento e imaxe que sofre esta instalación do barrio marinense da Cañota. A través desta intervención, actuarase en tres aspectos: os accesos, o consumo enerxético e o aspecto da fachada.

A actuación contempla a reposición das carpinterías exteriores, a instalación de paneis solares e a actuación na cuberta e na fachada para mellorar o illamento térmico.

Ao mesmo tempo, contémplase a substitución das tres portas de acceso ao pavillón para facelas máis seguras e accesibles á vez que se mellora a conexión do inmoble coa rúa.

En canto ao aspecto do edificio, o proxecto inclúe a homoxeneización dos acabados cuns materiais sinxelos, limpos, duradeiros e de fácil mantemento para facelo máis harmonioso coa contorna. 

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025.