A reforma do Pavillón da Cañota custará uns 663.000 euros

Marín
19 de setembro 2023

Trátase dun proxecto vital para esta infraestrutura, que mellorará o espazo en tres dimensións: eficiencia enerxética, habitabilidade e accesibilidade. Realizarase ao abeiro dun convenio coa Deputación de Pontevedra, dentro do seu programa PON2030

Pavillón da Cañota
Pavillón da Cañota

A Xunta de Goberno deu luz verde recentemente á firma dun convenio entre o Concello de Marín e a Deputación de Pontevedra para poder executar unha obra de mellora no Pavillón da Cañota, actuando en materia de eficiencia enerxética, habitabilidade e accesibilidade.

Trátase dunha obra esencial para esta infraestrutura deportiva, dado que polo paso do tempo e o tipo de materiais que se foron usando na súa construción, típicos doutra época, non consegue o illamento e o aforro enerxético requerido para unha instalación municipal actual.

A obra realizarase ao abeiro desde convenio coa institución provincial por un importe total de 662.811 euros, aportando a Deputación o 70% (463.968 euros) e o Concello o restante 30% (198.843 euros).

Tal e como se pode ler no proxecto, levarase a cabo un cambio de cuberta para poñela de acero galvanizado e actuarase na fachada utilizando paneis sandwich e SATE, para mellorar a eficiencia enerxética. Tamén se renovarán todas as baixantes e sustituiranse as actuais farolas.

As ventás tamén se colocarán novas, para que conten co dobre acristalamento. Ao mesmo tempo, instalaranse 5 bombas de calor de producción de ACS para os vestiarios.

No que respecta á accesibilidade, crearasen rampas de acceso en todas as portas, así como nas gradas e pintarase por completo o interior.