A reordenación e mellora das dependencias municipais, que xa estaba prevista para executarse ao longo deste mandato, viuse acelerada pola COVID-19 e a necesidade de adaptar estes espazos ás recomendacións sanitarias.
Por iso é polo que, á reforma de Michelena 30 -xa en obras na súa planta baixa e coa intención de iniciar a remodelación da súa segunda planta- ou á apertura ao público do novo edificio de Ferreiros, o Concello sumará novas actuacións a curto prazo.
Así o avanzou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tras a firma do convenio coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, mediante o cal a institución provincial achega os 528.000 euros que se investirán nesta remodelación de Michelena 30.
Fernández Lores explicou que esta adaptación dos espazos municipais continuará nun futuro polo Pazo da Cultura, o Teatro Principal e a vetusta Casa do Concello, proxectos nos que xa están a traballar os técnicos municipais.
Dentro dos convenios que o Concello prevé asinar coa Deputación atópanse tamén actuacións como o novo acceso a Rosalía de Castro por Mollavao, o complexo deportivo que se construirá na Parda ou novas infraestruturas deportivas.
Ademais, entre as actuacións que aínda non se executaron de pactos anteriores, está o novo acceso a Monte Porreiro, cuxas obras poderían comezar en breve; a reforma do centro social dos Campos e a finalización do saneamento integral do río Gafos.
Carmela Silva explicou que o convenio rubricado esta mañá é "especial", ao ser o primeiro que asina tras a pandemia do coronavirus e destacou que o investimento previsto "como todo o que fai esta cidade non só beneficiará aos veciños de Pontevedra".
Tras apuntar que "cada día que pasa quero máis a esta cidade", Silva defendeu que, como demostrou Pontevedra ao longo das dúas últimas décadas, a COVID-19 fixo que a sociedade "tome conciencia" de que os espazos públicos "deben ser para as persoas".
A presidenta da Deputación confía ademais en que, a pesar da redución de ingresos que terán as administracións pola pandemia, o goberno provincial poida manter os investimentos que, na contorna dos tres millóns, fai anualmente en Pontevedra.
Lores admitiu a súa preocupación pola "inevitable rebaixa" que pode chegar aos orzamentos da Deputación e dos concellos pola caída dos ingresos a causa do impacto da crise, e desexou que iso "non impida" acometer actuacións importantes que están pendentes. Diante dun escenario tan incerto como o actual, recalcou, as administracións deben ser "sensatas, responsables e prudentes" na xestión dos cartos da cidadanía.