Dúas empresas de Pontevedra serán as encargadas das obras de remodelación da segunda planta do edificio municipal de Michelena 30. Trátase dunha actuación para adaptar as instalacións á covid-19 e que dará continuidade á xa executada na planta baixa.
Construcciones Ramírez será a compañía que executará a reforma. Cobrará case 279.000 euros e terá un prazo de dous meses. Foi a que presentou a mellor oferta entre as empresas convidadas ao procedemento negociado polo que se tramitou esta obra.
A reforma en si foi deseñada polo estudo Nan Arquitectos, tamén de Pontevedra, que redistribuíu todos os espazos desta planta para separar os postos de traballo dos empregados municipais do servizo de Intervención.
Ademais, habilitarase unha ampla sala de reunións para poder celebrar as mesas de contratación do Concello con seguridade. Esta planta tamén albergará o despacho do concelleiro responsable desta área, unha área de estancia e outros espazos comúns para os empregados.
OBRAS DA RÚA DA TORRE
Unha das contratacións en marcha polo Concello é a reforma da Rúa da Torre, na que se prevén investir 91.540 euros. Trece empresas presentaron ofertas para executar esta obra, que debe estar lista en apenas un mes.
Esta actuación prevé aplicar nesta rúa os mesmos estándares do centro urbano a través dunha rehabilitación integral que implantará plataforma única e medidas de acougado de tráfico. Tamén se renovará toda a iluminación, con 26 novos puntos de luz.