A reforma da segunda planta de Michelena 30 completarase en marzo

Pontevedra
08 de febreiro 2021

O ritmo das obras atrasouse ante o problema de subministración de materiais que sofre a empresa adxudicataria, debido ás restricións sanitarias. Ademais, tamén afectaron os festivos do Nadal. A nova previsión para ter finalizado este espazo fixouse no próximo 31 de marzo

Planta baixa do edificio municipal de Michelena 30
Planta baixa do edificio municipal de Michelena 30 / Mónica Patxot

As obras da segunda planta do edificio municipal de Michelena 30 estenderanse seis semanas máis do previsto. Así o anunciou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, que achacou esta situación á pandemia da covid-19.

O ritmo das obras atrasouse, segundo recoñeceu Gulías, ante o problema de subministración de materiais que sofre a empresa adxudicataria, debido ás restricións sanitarias. Ademais, tamén afectaron os festivos do Nadal.

A nova previsión para ter finalizado este espazo, que incluirá unha gran sala de reunións para celebrar xuntas de goberno, comisións ou mesas de contratación, fixouse no próximo 31 de marzo.

O Concello, por outra banda, tomou a decisión de suspender temporalmente as obras do novo local do GDR nos Campos. Problemas na estrutura do edificio obrigaron a realizar un modificado no proxecto, segundo a portavoz do goberno municipal.

Isto supoñerá un aumento de 85.158 euros no custo desta obra, adxudicada no seu día por 438.450 euros. Ao non existir crédito dispoñible ata que entre en vigor o orzamento municipal de 2021, esta actuación deberá quedar en suspenso.

Ademais, aproveitarase este parón para consultar cos veciños dos Campos que, nas últimas semanas, pediron unha serie de cambios na rehabilitación da zona.

Noutra orde de cousas, o goberno municipal decidiu prorrogar por un ano máis o contrato para o mantemento dos espazos urbanos, por uns 450.000 euros.

Anabel Gulías sinalou que este contrato mostrou ser de "vital utilidade" para que o Concello teña unha "ferramenta" para atender danos puntuais ou de emerxencia e ou tarefas ordinarias de mantemento. Só en 2020 se atenderon unhas 200 incidencias.

Na Xunta de Goberno deste luns tamén se aprobou un convenio coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para financiar a representación de dez obras de teatro en Pontevedra. Este tipo de acordos, ata o de agora, asinábaos o Pazo da Cultura.

Tanto Agadic como o Concello achegarán 19.745 euros cada un. O resto dos gastos de representación destas obras cubrirase cos ingresos da billeteira.

Estas dez obras, segundo o goberno municipal, deberían estar xa programadas pero atrasáronse pola situación epidemiolóxica creada pola covid-19.

EDIFICIO DE ONCE VIVENDAS EN FILGUEIRA VALVERDE

O Concello informou ademais da presentación dunha licenza para a construción dun novo edificio para once vivendas na esquina entre Filgueira Valverde e Joaquín Costa. Os promotores investirán 1.274.952 euros neste proxecto.

Desde o goberno municipal celebran non só esta iniciativa urbanística, senón tamén destacan que vai permitir tapar unha das medianeiras máis deterioradas do centro urbano, incluída no diagnóstico realizado hai meses en todo o ámbito do concello.