A reforma da Rúa Santiña sairá a licitación a próxima semana

Pontevedra
19 de setembro 2023

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia informou positivamente ao proxecto de reforma da Rúa Santiña polo que o Concello de Pontevedra procederá á súa inmediata licitación

Rúa Santiña
Rúa Santiña

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia informou positivamente ao proxecto de reforma da Rúa Santiña polo que o Concello de Pontevedra procederá á súa inmediata licitación. 

"Está no forno para sacar inmediatamente", confirmou este martes o concelleiro da área de servizos urbanos básicos, César Mosquera, quen pediu desculpas á Dirección Xeral de Patrimonio porque o seu informe xa estaba en mans da administración local desde hai un tempo pero "mandouse por unha vía que terminou nun sitio que ninguén mirou. Non foi pola vía ordinaria". 

"Afortunadamente o problema está resolvido. Agradecín a dilixencia e tamén pedín desculpas", engadiu Mosquera.

A previsión do concelleiro nacionalista é que a próxima semana se poida sacar a licitación a obra da Santiña que ten un orzamento de execución de 1.804.914 euros e quere mellorar a calidade de vida dos veciños da rúa, ademais de completar a reforma do Camiño portugués a Santiago a Compostela.

"Os prazos apreman", lembrou Mosquera en referencia á subvención recibida polo Concello de Pontevedra por parte da Unión Europea para a creación de Zonas de Baixas Emisións (ZBE) na que estaba incluído o proxecto da Santiña, que financiará con 1.606.500 euros.

Mosquera estima que "se non hai ningún atranco, no primeiro trimestre do ano que vén poidan empezar as obras".

A intervención que está pensada en dous tramos: o primeiro, entre o cruzamento coa avenida da Coruña e a rúa Valentín Paz Andrade terá un carácter máis urbano debido á presenza de bloques de vivendas; e o segundo, cun carácter máis rural, ata o cruzamento coa rúa da Gándara.

A nova Santiña terá un pavimento en formigón continuado en toda a rúa para unificar a intervención. Dispoñerá de arboledo para facer máis brando percorrido. Terá mobiliario urbano como bancos, cadeiras e conservará a fonte existente. A iluminación será a través de báculos e farois suxeitas en fachadas. 

Un dos traballos principais da obra será a substitución de todos os servizos soterrados da rúa: abastecemento, saneamento, servizo eléctrico, gas e telecomunicacións.