A reforma da rúa Pardo de Cela chegará ata a avenida de Vigo

Pontevedra
13 de decembro 2018

As obras comezarán nos próximos días, unha vez que se ten tramitado ante a empresa propietaria da última parcela sen edificar a petición de retirada do guindastre situado no espazo público. A intención é que estes traballos poidan estar rematados cara final de ano ou primeiros de 2019

Obras na rúa Pardo de Cela
Obras na rúa Pardo de Cela / Mónica Patxot

A reforma de Pardo de Cela non quedará a medias. O Concello confirmou que os traballos para rehabilitar de xeito integral esta rúa, incluída no proxecto de Virxe do Camiño, chegarán tamén á súa parte final, na conexión coa avenida de Vigo.

As obras comezarán nos próximos días, unha vez que se ten tramitado ante a empresa propietaria da última parcela sen edificar a petición de retirada do guindastre situado no espazo público.

No caso de que a empresa non atenda á petición municipal, e transcorridos os días obrigados por lei, o Concello poderá actuar na zona retirando o guindastre e recuando o valado.

A intención é que estes traballos coincidan co remate das obras de Virxe do Camiño, polo que poderán estar rematadas cara final de ano ou primeiros de 2019.

Con este horizonte, o Concello propón a rehabilitación de Pardo de Cela con dúas estéticas distintas: na parte que se pode ver dende Virxe do Camiño, terá a nova estética desta rúa; e na parte que se pode ver dende a avenida de Vigo, terá a imaxe da avenida de Vigo.

Esta segunda fase de reforma da rúa consistirá na reposición da beirarrúa -unha vez retirado o guindastre-, e a eliminación do xardín situado baixo o chorón, que permanecerá na rúa. Tamén se reporá a varanda que se retirou co guindastre privado.

O custe da obra será duns 16.000 euros, pero o Concello investirá a fianza da construtora que ía realizar o edificio, e que finalmente non executou . Esa fianza é de 10.000 euros, que se destinarán a devolver a rúa á súa situación orixinaria, e o custe restante da retirada do guindastre será cargado á nova propietaria do predio.

A confirmación desta obra, que xa fora anunciada no seu día, coincide coa moción que o PP tiña pensado levar ao pleno deste venres, para esixir que a reforma iniciada en Pardo de Cela se completará con 35 metros restantes, recollendo así unha petición de veciños e comerciantes.