A reforma da Lonxa de Campelo responde á demanda das confrarías

Poio
07 de decembro 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares comprobou este xoves o resultado das obras de ampliación e remodelación da lonxa de Campelo, recentemente finalizadas  

Lonxa de Campelo
Lonxa de Campelo / PontevedraViva

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares comprobou este xoves o resultado das obras de ampliación e remodelación da lonxa de Campelo, recentemente finalizadas.

O investimento autonómico chegou ata os 645.000 euros, que permitiron acondicionar e ampliar a zona de uso administrativo e a distribución de espazos da zona de vendas anterior, para satisfacer as demandas dos usuarios e traballadores deste edificio no que desenvolven a súa actividade profesionais das confrarías de Lourizán, Raxó e Pontevedra.

"Un investimento que era necesario e que xa nos foi pedido pola patrona e polos patróns que a xestionan" dixo o conselleiro na inspección das obras na Lonxa que, ao seu xuízo, "con isto dase tamén resposta a unha demanda do sector".

"É fundamental invertir en estas infraestructuras, que ao fin o cabo van a redundar no beneficio dun colectivo e de un sector, o marítimo pesqueiro, que para Galicia é fundamental", manifestou.

Para mellorar as condicións de actividade do edificio foi necesaria a ampliación sobre a zona de acceso e do aparcadoiro. O esquema de uso mantense, quedando a zona de oficinas e acceso de público na planta baixa e as estancias destinadas a reunións na planta alta. Dotouse dun forxado intermedio para o almacenamento de caixas e na planta baixa incluíuse unha estancia de almacén vinculada directamente coa nave principal da lonxa.

Instalouse tamén un ascensor para garantir a accesibilidade a todo o edificio. Na planta superior modificose a cuberta para permitir un mellor aproveitamento e a entrada de luz natural e engadiuse unha sala de reunións, os aseos para o persoal, un pequeno almacén e un cuarto de instalacións con ventilación directa ao exterior.

Durante a súa visita ao municipio de Poio, o conselleiro do Mar lembrou tamén que o seu departamento, a través de Portos de Galicia, está a executar outra actuación de importante envergadura no concello como é a remodelación e humanización do acceso ao porto de Raxó. 

Alfonso Villares, subliñou tamén outra actuación destacada prevista por Portos de Galicia para o municipio de Poio como é a renovación dos departamentos de usuarios de Combarro.