A deputada Isabel Couselo, responsable da área de infraestruturas públicas, mobilidade e contratación da Deputación de Pontevedra, comprobou este venres que as obras de reforma da estrada EP-8004 Caldas-Vilanoviña, avazan a un bo ritmo.
Nelas, a institución provincial está a investir preto dun millón de euros para renovar o seu firme e mellorar a seguridade vial en todo o seu trazado.
A actuación está a permitir solucionar o mal estado do firme en todo o treito desta estrada provincial que discorre polos concellos de Caldas, Meis, Portas e Vilanova de Arousa.
As obras contemplan a reparación da estrada, mediante a execución de saneos e fresado da capa de rodadura existente. Ademais, estase a proceder a aplicar un tratamento superficial e a repoñer o firme existente mediante a extensión dunha capa de formigón bituminoso en quente.
As obras na EP-8004 Caldas-Vilanoviña tamén contemplan a execución de pasos de peóns sobreelevados e a reposición de sinalización horizontal e vertical, co fin de salvagardar a debida prestación do servizo público e de mellorar a seguridade viaria.