A reforma da casa do concello e do pavillón da Cañota, fóra do PIREP local

Marín
05 de abril 2023

Marín, do mesmo xeito que Pontevedra, foi a cruz da resolución provisional da segunda fase do PIREP local, o programa financiado con fondos europeos para o impulso á rehabilitación de edificios públicos. Os dous proxectos que presentou o Concello non foron seleccionados

Casa do Concello de Marín
Casa do Concello de Marín /

Marín, do mesmo xeito que Pontevedra, foi a cruz da resolución provisional da segunda fase do PIREP local, o programa financiado con fondos europeos para o impulso á rehabilitación de edificios públicos. Os dous proxectos que presentou o Concello non foron seleccionados.

Así o decidiu o Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, o organismo encargado de avaliar os máis de mil proxectos presentados a esta convocatoria de axudas.

O goberno municipal de Marín solicitara fondos, por unha banda, para a rehabilitación integral da casa do concello, unha actuación pensada fundamentalmente para solucionar os problemas de accesibilidade do inmoble e mellorar a eficiencia enerxética das instalacións.

O segundo dos proxectos que non pasou o corte do ministerio o que fora deseñado para reformar o pavillón da Cañota.

Neste caso, o Concello expuña unha serie de actuacións para mellorar a eficiencia enerxética deste recinto deportivo e para resolver as deficiencias que ten en accesibilidade.

CAMBADOS E VILABOA TAMÉN SEN AXUDAS

A mesma sorte correu os proxectos presentados por Cambados e Vilaboa.

Non recibirán fondos europeos, polo menos desta convocatoria do PIREP local, nin a reforma integral da casa do concello de Vilaboa nin a iniciativa para mellorar a eficiencia enerxética do complexo deportivo do Pombal.