A Deputación de Pontevedra e o Concello de Poio acordaron que as obras de reforma da Casa de Combarro, nas que se investirán 116.000 euros, comecen despois da celebración do Día de Colón, previsto para a próxima fin de semana, os días 10 e 11 de maio.
Ambas institucións consideran que este aprazamento permitirá evitar incomodidades durante a celebración deste festexo. A colocación do andamio e o inicio das obras quedará, deste xeito, para despois da festa, que celebra parte dos seus eventos na praza na que se sitúa este inmoble.
Así, a retirada da documentación e baleirado da casa está xa programada e as obras de conservación da Casa de Combarro darán comezo tras os festexos, para non romper coa estética, decoración e ambientación do Día de Colón.
A Deputación acondicionará este espazo da súa propiedade e cederallo en condicións axeitadas ao Concello de Poio por un período de 30 anos, para que poida situar nel un centro de promoción turística e de posta en valor do patrimonio histórico-cultural.
As obras, que terán unha duración de arredor de catro meses, permitirán conservar e manter esta edificación para mellorar a súa salubridade, habitabilidade e eficiencia enerxética.
Os traballos inclúen substituír a cubrición de tella, revisar a estrutura de madeira de soporte da cuberta, reparar o canlón medianeiro, limpar a fachada de pedra de maneira manual, revisar o encintado e substituír as carpinterías exteriores e as contras de madeira.
Ademais, tamén se procederá a implantar un sistema de climatización mediante bomba de calor de alta eficiencia así como dun sistema de ventilación con recuperador de calor, colocar novas luminarias LED en todas as estancias ou renovar a instalación eléctrica.
Remodelar o aseo, executar unha nova instalación de fontanería e saneamento, e, finalmente, acondicionar as paredes e teitos do inmoble completará esta actuación.