A reforma da antiga Casa do Concello licitarase nun mes e estará rematada no 2022

Pontevedra
07 de setembro 2021

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, comprobou este martes o estado das catas realizadas no soto do edifcio, que será obxecto dunha reforma no futuro, para descubrir a historia do solar

Visita do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e Anabel Gulías á antiga Casa do Concello de Pontevedra
Visita do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e Anabel Gulías á antiga Casa do Concello de Pontevedra / Mónica Patxot

O inicio dos traballos de remodelación da histórica Casa do Concello de Pontevedra está cada vez máis preto. A redacción do proxecto de execución da obra, que se centrará na restauración da primeira planta, en mellorar a accesibilidade do inmoble coa instalación dun ascensor e potenciar a entrada orixinal do edificio pola Rúa Alhóndiga, atópase na súa fase final e a intención do goberno local é iniciar a licitación no prazo dun mes.

De forma paralela, arqueólogos, historiadores e persoal do Arquivo Municipal estudan o soto do inmoble, construído no 1944 como consecuencia dunha ampliación e reforma do edificio orixinal deseñado polo arquitecto Alejandro Sesmeros na que tamén se construíu a "escaleira imperial" que preside o patio do edificio. Unha actuación que custou naquel momento ao redor de 400.000 pesetas, un investimento equivalente na actualidade a 6 millóns de euros.

Con todo, estes estudos só servirán por agora para empezar a descubrir que había na parte máis baixa deste solar de centos de anos de historia. O primeiro edificio construído data do século XV e era coñecido como a Bastida Grande, era o principal torreón da vila amurallada. Sobre el fóronse construíndo as diferentes casas dos concellos ata que a finais do século XIX demoléronse para facer realidade o proxecto de Sesmeros.

"É factible que este edificio esconda vestixios dos seus antecesores, estamos nese proceso de estudo", confesa o arquitecto municipal, aínda que para achar todos os segredos será necesario un segundo estudo en profundidade que se contratará en datas futuras. 

Este martes, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado pola concelleira Anabel Gulías e técnicos municipais, comprobaron o estado destas catas e aproveitaron para anunciar que a reforma da primeira planta e a mellora da accesibilidade está a piques de comezar.

"Está moi avanzado o proxecto de execución e o sacaremos a licitación o antes posible. Ao mesmo tempo farase un estudo en profundidade do soto para logo recuperalo, pero respectando todas as pegadas que deixou a historia nel", explicou o rexedor. 

Logo da reforma, que esperan ter finalizada o próximo ano, a primeira planta deste emblemático inmoble destinarase a usos institucionais. " Faremos vos plenos, reunións, presentacións, recepcións... Haberá tamén unha alcaldía institucional. Queremos darlle un uso necesario a este edificio", declarou Lores.

Gulías, pola súa banda, lembrou que o orzamento para esta fase da rehabilitación ascende a 700.000 euros e que o goberno local espera iniciar o próximo mes a fase de contratación.  "O prazo de execución é de 6 meses, intentaremos que para o ano que ven teñamos recuperado o Concello", dixo sen querer comprometerse con prazos concretos.