A reforma da 3ª Travesía da Seara acometerase con fondos da Deputación

Poio
01 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Trátase dun camiño municipal moi deteriorado e no que urxe unha actuación que garanta a seguridade, poña en valor a contorna e mellore a recollida de pluviais

Ángel Moldes na 3º Travesía da Seara
Ángel Moldes na 3º Travesía da Seara / Concello de Poio

O Concello de Poio destinará fondos do plan +Provincia para renovar e mellorar o firme na 3ªTravesía da Seara, un camiño municipal moi deteriorado e no que urxe unha actuación que garanta a seguridade, poña en valor a contorna e mellore a recollida de pluviais.

Deste xeito, segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, o proxecto contempla a demolición do asfalto actual e adaptar a rasante, renovando o firme con formigón semipulido-raiado, reservando unha franxa no centro para adoquinado. Ademais, inclúese desbroce e limpeza da vexetación, colocación de tres sumidoiros para mellorar a recollida de auga e sinalización horizontal e vertical para garantir seguridade e ordenar o tráfico. 

Ángel Moldes manifestou que é "unha actuación moi importante para a veciñanza e casas deste lugar, que levan anos soportando parches temporais que non ofrecen ningunha solución a longo prazo".

Neste senso, recorda que o Goberno aposta este ano por incluír no plan +Provincia "proxectos que aínda que non requiran investimentos moi elevados, si teñen unha repercusión importante para mellorar a calidade de vida dos residentes nestas zonas".

Así, ademais deste proxecto, a Xunta de Goberno local xa aprobou destinar fondos provinciais para instalar o alumeado público na rúa do Adro e Travesía Porteliña e para mellorar o firme no camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados, na parroquia de San Salvador, así como para mellorar o firme e completar a rede de abastecemento e pluviais na rúa Costa de Arriba, en Combarro.