As concelleiras Anabel Gulías e Carmen Fouces presentaron este mércores o proxecto ideado para o edificio municipal situado na rúa Santa Clara, que actualmente acolle o Centro de Información á Muller (CIM) e que se verá reforzado con diferentes iniciativas desde unha óptica feminista.
A Redeira "aspira a que por fin haxa un programa integramente feminista e tratado desde diversas perspectivas", sinalou Gulías.
Así ademais do CIM será un centro no que levarán a cabo charlas, formación, axuda á inserción sociolaboral e económica das mulleres ofrecendo "formación real" sobre os dereitos laborais das mulleres ou se instalará un banco de tempo.
Son algunhas das propostas para o edificio, que sufrirá un importante lavado de cara empezando xa mesmo polo exterior, cun orzamento de 24.000 euros para reformar a súa fachada. Despois chegarán as actuacións no seu interior, financiados en parte con fondos propios do CIM e por unha achega a maiores de 36.000 euros para o proxecto da Redeira.
Todo co obxectivo de que tanto o CIM como A Redeira en xeral se converta nun "lugar onde as mulleres cando cheguen se sintan a salvo", indicou Carmen Fouces.
Para iso renovarase completamente a imaxe do Centro de Información á Muller coa intención de convertelo nunha oficina amable, que non impacte ás que busquen apoio nun momento complicado, algo que sucedía na actualidade tal e como revelaron algunhas mulleres vítimas de violencia machista no libro 'Invisibles'.
O proxecto arquitectónico foi desenvolvido pola arquitecta Paula Alfonso Olaya desde unha perspectiva feminista, aseguran ambas as dúas representantes do goberno local, o que facilitou moito o traballo.
Entre outras cousas, a actuación incluirá cambios na contorna do edificio municipal, no que se quere implantar unha zona wi-fi que sirva de lugar de traballo na rúa.