A recuperación dos Baños do San Xusto, un "soño colectivo" que xa é unha realidade

Cerdedo-Cotobade
21 de abril 2021

Os Baños do San Xusto volveron á vida. Case 110 anos despois da inauguración da central hidroeléctrica, que foi a primeira "fábrica de luz" de Pontevedra, este emblemático espazo reconverteuse nun balneario con pozas públicas ao aire libre

Inauguración dos renovados Baños de San Xusto
Inauguración dos renovados Baños de San Xusto / Mónica Patxot

Os Baños do San Xusto volveron á vida. Case 110 anos despois da inauguración da central hidroeléctrica, que foi a primeira "fábrica de luz" de Pontevedra, este emblemático espazo reconverteuse nun balneario con pozas públicas ao aire libre.

"O soño colectivo da xente acaba de facerse realidade", destacou o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, na reapertura dun proxecto que se converteu en toda unha obsesión para o seu goberno, cumprindo así "o desexo dos nosos antepasados".

Esta actuación, na que se investiron 685.000 euros, rehabilitou a antiga central hidroeléctrica, que se reconverteu en balneario. Ademais, recuperáronse as bañeiras exteriores, instalando novas bañeiras e mantendo as antigas como elemento ornamental.

O proxecto incluíu a rehabilitación das fontes e do depósito de auga, o que permitiu descubrir a existencia de augas termais na zona, ou a reconstrución de tres vellos muíños, un dos cales se transformaron nunha sauna.

A casa do muiñeiro, pola súa banda, foi reconstruída para acoller o almacén da caldeira de biomasa coa que funciona o balneario e melloráronse os accesos con novas zonas de aparcamento e o acondicionamento de todo este ámbito.

Marina Enríquez, que naceu na vivenda anexa á vella central e viviu durante anos nela, asegurou que lle fai "moita ilusión" que se recuperou este espazo.

Aos seus 84 anos non ocultou a súa alegría ao ver o resultado da rehabilitación dunha fábrica que, lembra, "era como unha festa diaria" e á que acudía xente de toda Galicia.

Á inauguración dos renovados Baños do San Xusto acudiu o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que estivo acompañado entre outros pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Núñez Feijóo celebrou que con esta actuación recuperouse unha paisaxe "significativa" para a poboación de Cerdedo-Cotobade e que está situada nun enclave "rodeado de elementos de grande interese".

"A paisaxe habítase e iso quere dicir que hai que coidala e preservala para legala ás vindeiras xeracións", sinalou o presidente galego, que destacou que esta é a primeira intervención que se materializa do Pacto pola Paisaxe que a Xunta ofrece aos concellos. 

Esta aposta pola conservación do patrimonio natural e cultural, dixo o titular da Xunta, é un obxectivo político "irrenunciable" para o goberno galego, con restauracións "respectuosas" coa paisaxe e que, ao mesmo tempo, contribúan á reactivación económica.

Todo iso, recoñeceu, para tamén "corrixir os erros" que Galicia cometeu "durante un tempo" e que fomentaron plantacións de árbores invasoras, a interrupción do curso natural dos ríos ou o depósito de residuos "en calquera lugar".

Ademais, Feijóo resaltou que o edificio que acolle o novo balneario, que acolleu a primeira fábrica de luz de Pontevedra -inaugurada en 1915-, é ademais un "valioso expoñente" do patrimonio industrial de Galicia.