A Xunta expón estes días en Bruxelas, no marco do Festival Europeo da Nova Bauhaus, os resultados da recuperación paisaxística, patrimonial e etnográfica acometida no entorno fluvial dos Baños de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade, como un exemplo práctico de que é posible conxugar sostibilidade, inclusión e beleza nunha mesma actuación, en liña coa aposta que está a facer a Comisión Europea por reconectar persoas e natureza.
O proxecto, promovido e executado polo Goberno galego en colaboración co Concello de Cerdedo-Cotobade, foi seleccionado para formar parte da exposición organizada como parte central do festival que se celebra do 9 ao 12 de xuño na capital belga.
Galicia tamén foi unha das rexións europeas escollidas como sede paralela do evento, polo que tanto onte como este venres acollerá diversos talleres e actividades.
O Festival Europeo da Nova Bauhaus de Bruxelas conta coa participación da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, que asiste en representación da Xunta e para poñer en valor a actuación acometida na contorna fluvial dos Baños de San Xusto, executado o ano pasado no marco do primeiro Pacto pola Paisaxe asinado en Galicia e que contou cun investimento global de preto de 700.000 euros.
"É unha honra para todos nós, para un pobo modesto como o noso, ser elixido para representar a Galicia en Europa a través dun proxecto pioneiro en Galicia", recoñeceu ao respecto o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, afirmando que "traballamos arreo durante máis de 5 anos de presentación de proxectos, petar en moitas portas, buscar alternativas ata conseguir facer realidade unha iniciativa que permanecía no consciente colectivo de moitos veciños que tiñan na súa memoria o esplendor dun tempo pasado para os Baños que en breve recuperaremos".