Máis de 20 anos despois da última escavación, os arqueólogos volverán a próxima semana ao Castro das Croas da parroquia de Salcedo. Realizarán unha actuación preliminar que se centrará nos restos da muralla que apareceron nos traballos realizados nos anos 90 e dunha estrutura que, en principio, parece unha vivenda cos ollos xa postos nun proxecto de maior envergadura que permita poñer en valor e recuperar o ámbito.
O xefe da escavación será Eduardo Méndez, do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), e explica que todos os traballos previos realizados no ámbito fan pensar que é un castro "de interese" aparentemente da Idade de Ferro. As hipóteses previas que manexan antes do inicio das prospeccións son que se trata dun depósito "singular" que está en proceso de construción.
Durante as escavacións de 1992 realizadas por Antonio de la Peña descubriuse unha parte do que parecía ser a muralla protectora do castro e unha estrutura en forma de cabana circular ou alongada que parece habitacional, é dicir, unha vivenda, pero nas escavacións que comezarán a próxima semana intentarán confirmalo.
Os traballos prolongaranse durante varias semanas e teñen un presuposto de 28.000 euros financiado polo Concello de Pontevedra con achega de fondos europeos Leader. Unha vez finalizado o traballo de campo a mediados de setembro, o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luis Bará, anunciou que se organizarán actividades de divulgación centradas no ámbito escolar e veciñal.
Das escavacións quedará un rexistro audiovisual do que se encargará o realizador audiovisual e arqueólogo Lukas Santiago e tamén poderán organizarse visitas escolares e accións de voluntariado. O antropólogo Rafael Quintía complementará o proxecto con lendas da tradición oral da parroquia.
Bará sitúa este proxecto como a actuación estrela do plan de recuperación do patrimonio pontevedrés, pois afecta ao que considera a "milla de ouro" do patrimonio rural, ao coincidir un "conxunto de bens moi valiosos" nun espazo reducido, dende elementos de arte rupestre catalogados á Vía Romana XIX, o terreo da Misión Biolóxica de Galicia no antigo Pazo de Gandarón ou os muíños do Batán e o Castro das Croas.
Para recuperar esta "milla de ouro" resulta fundamental a colaboración do movemento social e veciñal de Salcedo, un dos máis activos do municipio e no que resulta a implicación a Comunidade de Montes de Salcedo, que cedeu ao Concello os terreos onde se sitúa o Castro das Croas para o seu estudo, e da asociación veciñal Heroes do Campo da Porta. Ademais, conta coa autorización da Dirección Xeral de Patrominio da Xunta de Galicia.