O plan de limpeza de espazos públicos e de vías municipais que desenvolve o Concello de Bueu continúa coa brigada de obras e servizos realizando traballos de roza e posta a punto da Recta do Peón, situada na parroquia de Beluso.
O goberno local prevé que nos próximos días continúe esta operación por lugares próximos a esta zona e nas inmediacións das praias da contorna.
A brigada tamén acomete estes días a limpeza de Sanamedio, tanto nas proximidades da capela como na zona do parque infantil, ademais desenvolven traballos no aparcadoiro da Rúa Nova, no centro da parroquia.
Para este operativo utilízanse medios técnicos e manuais realizando unha limpeza detallada das beirarrúas da PO-315, cun sistema similar ao que se utilizou na PO-551, entre Trasouto e Cela.
O alcalde de Bueu e encargado da área de obras e servizos, Félix Juncal, sinala que se está reforzando a limpeza destes espazos públicos para os meses de verán, época do ano en que se incrementa a utilización tanto de parques como das praias do municipio.