No primeiro trimestre do ano Sanxenxo recolleu 11.180 quilos de residuos orgánicos.
A implantación do servizo porta a porta a finais do ano pasado para os grandes xeradores está a resultar un éxito alcanzando a cifra de 0% de impropios, unha vez testados na planta de Sogama no polígono de Baión en Vilanova de Arousa.
A concesionaria do servizo encárgase de repartir os contedores marróns entre os locais abertos que logo recolle cheos, dependendo do ritmo de actividade, unha ou tres veces por semana.
O concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres, destaca "o bo comportamento" da hostalería e a colaboración no tratamento destes residuos. O contedor marrón tamén está operativo nalgunhas illas de Sanxenxo e Portonovo para particulares que tamén dispoñen de composteiros individuais e colectivos. Máis ou menos o 40% dos residuos xerados diariamente polos fogares son residuos orgánicos ou biorresiduos. Por este motivo é importante concienciarse sobre a necesidade de separar correctamente os residuos orgánicos e avanzar cara a unha economía circular.
En canto ao resto de residuos, do resto recolléronse 1.926.540 quilos, de envases 73.060 quilos; de papel 103.580 quilos; 82.700 de vidro e 57.790 quilos de voluminosos.
Cabe lembrar que o Concello en colaboración con Ecovidrio realizaron unha campaña porta a porta aos establecementos de hostalería para lembrarlles a obrigatoriedade de separar estes envases, en liña co cumprimento da ordenanza municipal. A hostalería xera, aproximadamente, o 50% dos envases de vidro dun só uso polo que a súa colaboración é clave para incrementar as cifras de recollida selectiva de envases de vidro e a consecución de obxectivos de reciclaxe.
O Concello de Sanxenxo atópase xa traballando nos pregos da nova concesión do lixo co obxectivo de modernizar o servizo como xa se fixo o ano pasado co ciclo da auga.