A "rebelión" das monxas de Santa Clara que ecoou ata no Vaticano

Pontevedra
17 de novembro 2022

Fartas dos abusos que sufrían por parte dos franciscanos, as monxas de Santa Clara rebeláronse ante o poder eclesiástico. Dezaoito relixiosas decidiron abandonar a súa clausura e, causando un gran escándalo, plantáronse ante o Arcebispo de Santiago. Este episodio, que se remonta a principios do século XVIII, é un dos segredos ocultos que gardaban os muros do vello convento

Monxas en Santa Clara
Monxas en Santa Clara

Fartas dos abusos que sufrían por parte dos franciscanos, as monxas de Santa Clara rebeláronse ante o poder eclesiástico. Dezaoito relixiosas decidiron abandonar a súa clausura e, causando un gran escándalo, plantáronse ante o Arcebispo de Santiago.

Este episodio, que se remonta a principios do século XVIII, é un dos segredos ocultos que gardaban os muros do vello convento. Saíu á luz por mor dos estudos históricos e arqueolóxicos que se están realizando no recinto monástico.

As monxas de Santa Clara, alá polo ano 1707, estaban suxeitas á xurisdición e ao dominio dos franciscanos da entón provincia de Santiago. Eran eles os que controlaban a vida espiritual e económica das clarisas, facendo que a súa vida en clausura fóra problemática.

Ante a "opresión e tiranía" na que vivían, en xaneiro de 1710 produciuse este episodio de "rebeldía", segundo consta nos arquivos históricos. 

As dezaoito monxas que decidiron violar o seu voto de clausura -as outras cinco quedaron no convento como decisión estratéxica- peregrinaron ata Santiago para protestar directamente ante o arcebispo da época, Antonio Monroy.

As relixiosas pedían someterse directamente á xurisdición arcebispal pero os franciscanos non querían ceder o seu control sobre o convento pontevedrés baixo ningún concepto.

Logralo non foi fácil. Non o conseguiron ata que, case dous anos despois, o conflito en Pontevedra chegou ata o Vaticano. O Papa Clemente XI obrigou aos franciscanos a dimitir das súas responsabilidades e entregou a batuta de Santa Clara á curia compostelá.

A VOLTA AO CONVENTO, UN PROBLEMA

O regreso a Pontevedra destas monxas supuxo un problema engadido. Antes de poder volver ao convento debían ser aceptadas de novo en clausúraa. Pero para iso, debían ser "absoltas" da infracción na que incorreran e restaurar a súa "decencia".

Mentres se ordenaba todo isto, as clarisas 'rebeldes' foron acollidas nas coñecidas como Torres Arzobispais, hoxe xa desaparecidas, nas inmediacións de Santa María. Alí tiveron que esperar ata poder ser admitidas de novo na clausura.

As cinco monxas que permaneceron en Santa Clara "por estratexia", segundo os documentos históricos, entre elas a abadesa Dameana de Castro, defenderon ás súas compañeiras alegando que marcharan ante a "ruína espiritual" que estaba a padecer a súa orde relixiosa.

Os "abusos e vexacións" sufridos por parte dos franciscanos, continuaba a defensa da abadesa, "obrigaron a que as que están fóra saísen despechadas", engadindo que as que quedaron sufriron tamén "inquietudes na súa alma e no seu corpo". 

Tras un longo proceso, as dezaoito monxas puideron retomar os seus votos e regresar ao que era o seu fogar. A partir de aí, quedaron baixo a xurisdición do Arcebispado e os franciscanos deixaron de atendelas. O vigairo que as protexía pasou a ser do clero secular.