A quinta edición de "Voando nas Rías Baixas" incluirá sete roteiros guiados para a observación de aves

Pontevedra
04 de febreiro 2022

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do coordinador de SEO BirdLife na provincia de Pontevedra, Gustavo Ferreiro, presentou este venres a quinta edición de " Voando nas Rías Baixas", un programa que permitirá ao público coñecer de maneira gratuíta a riqueza ornitolóxica da provincia de Pontevedra a través de sete roteiros guiados.   

Actividade de "Voando nas Rías Baixas" no Complexo Intermareal Umia-O Grove
Actividade de "Voando nas Rías Baixas" no Complexo Intermareal Umia-O Grove / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do coordinador de SEO BirdLife na provincia de Pontevedra, Gustavo Ferreiro, presentou este venres a quinta edición de "Voando nas Rías Baixas", un programa que permitirá ao público coñecer de maneira gratuíta a riqueza ornitolóxica da provincia de Pontevedra a través de sete roteiros guiados. 

Para a primeira delas xa se abriron as reservas, trátase dunha excursión para a observación de aves no Complexo Intermareal Umia-O Grove. O día da actividade será o 13 de febreiro. 

Este espazo está protexido pola Rede Natura 2000 como humidal de importancia internacional, segundo o Convenio Ramsar e como zona de especial interese comunitario pola importancia da súa biodiversidade. No ano 2014 unha parte do complexo foi declarada reserva ornitolóxica de SEO/ BirdLife do Grove, sendo a reserva ornitolóxica máis grande de España, a única de Galicia e a única que conta con medio mariño.

Gustavo Ferreiro destacou que este é o mellor lugar de Galicia e un dos mellores de España para a observación de aves acuáticas invernantes, tanto pola diversidade como pola sorprendente cantidade, pois máis de 18.000 acuáticas pasan os meses fríos nesta reserva, onde a espátula africana ten a principal localidade de invernada e de paso migratorio galego.

A seguinte excursión será o 3 de abril polas Ribeiras do Río Umia (Cambados- Ribadumia); o 8 de maio será ao Parque Natural Monte Aloia (Tui); o 19 de xuño ás Brañas de Xestoso (Silleda, Forcarei, A Estrada); o 10 de xullo á Serra do Suído (Cotobade-A Lama- Beariz-Fornelos-Covelo); o 6 de novembro á Enseada de San Simón (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa) e o 18 de decembro á Desembocadura do Río Lérez e Intermareal Combarro-Lourido (Poio - Pontevedra).

Ao ser unha actividade sensible de avistamento de fauna na natureza os grupos non deben ser moi numerosos, o máximo de prazas ofertado será de 20 persoas. Cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas. Ademais, entregarase unha guía de aves a cada participante na excursión.

A actividade inclúe un autobús desde o punto de encontro ata a zona de realización da actividade. Os menores de idade deberán ir acompañados dun adulto.

Carmela Silva destacou que estas actividades son un elemento de atracción dese turismo de natureza, sostible e respectuoso co medio ambiente que a Deputación quere promover. Neste ámbito, "Voando nas Rías Baixas" enmárcase no seo das propostas lanzadas ao amparo do Plan Estratéxico de Turismo para internacionalizar e desestacionalizar o destino da provincia de Pontevedra.