A que soarían as obras que ocupan as sala do Museo de Pontevedra se puideran escoitarse? Na mañá deste sábado, un grupo de persoas con discapacidade visual puideron experimentalo da man de ‘Melodías sobre lenzo’, un proxecto de experiencia inclusiva con audioguías do Museo e a ONCE.
Trátase dun proxecto académico deseñado por Manuel Parada Martínez como proxecto durante as súas prácticas académicas no Museo de Pontevedra e conta coa colaboración da ONCE. Para probalo, fixeron unha xornada práctica no Edificio Castelao.
José Ángel Abraldes, director do Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra; Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra; e Manuel Parada deron a coñecer este proxecto e un grupo de persoas cegas e videntes experimentaron coa ferramenta.
Desta maneira, este sábado, no Museo, este grupo de persoas con discapacidade visual puido gozar da arte dunha forma diferente.
No canto de ser unha análise ao uso das pinturas, estas audioguías céntranse en recrear o son ambiente e a música que esas obras producirían se puidesen escoitarse.
A ferramenta tamén inclúe unha breve explicación que lles dea claves para interpretar a obra e unha descrición evocadora da escena.
Durante a mañá deste sábado, a experiencia centrouse en catro obras do Museo: ‘Festa galega’ (1917), de Fernando Álvarez de Sotomayor (1875-1960), caricaturas de Manuel Quiroga interpretando ‘O trino do diaño’, de Valentín García Prieto (1904-1974), ‘Comida de espatadantzaris’, de Valentín de Zubiaurre (1879-1963) e o tríptico ‘Cegos’ (ca. 1915), de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950).
Está previsto que, antes de que remate o ano, o Museo de Pontevedra conte coas súas propias audioguías, nas que está traballando na actualidade. Estas porán ao alcance das persoas con discapacidade visual e de todo o público en xeral, explicacións en varios idiomas sobre algunhas das principais obras da colección do Museo, dispoñibles a través dos seus dispositivos móbiles.