Aínda que non será ata o vindeiro mes de outubro cando se dean a coñecer os resultados do estudo, o traballo de campo desenvolvido ao longo de xullo en Tambo por investigadores da Universidade de Vigo permite xa ir desvelando algúns dos segredos que agocha a illa. Así, segundo confirma o director da investigación, o profesor do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Terrritorio Gonzalo Méndez, a pesares da importante presenza de especies vexetais foráneas, "pervive un interesante e abundante número de especies autóctonas, que permitiría unha progresiva recuperación da área se así se programase.
"O balance é positivo, cumpríronse os nosos obxectivos", asegura Méndez, que confirma que nos fondos de area próximos á illa tomaron catorce mostras de sedimento, que están a ser analizadas para coñecer a fauna bentónica, é dicir, a fauna do fondo. Mentres, na illa, realizouse unha revisión da fauna e da flora, destacando esta última, e aínda que normalmente non cómpre tomar mostras e chega coa identificación in situ, realizáronse centos de fotografías e algúns vídeos, procedéndose á identificación de máis dun cento de especies.
"Todos os que observamos Tambo desde ambas as dúas marxes da ría somos conscientes de que polo seu baixo nivel de alteración física, a illa amósase como un valor paisaxístico e quizais tamén natural", asegura o docente e investigador, que aclara que "sen embargo, as diferentes figuras de protección de espazos naturais responden a criterios predefinidos, de aí que coñecer os valores ambientais da mesma permita definir con obxectividade que figura de protección sería factible". Figuras de protección, que Méndez sinala, precisan de "acordos sociais, compromisos e de visión estratéxica" e que alerta están condicionadas pola proximidade do complexo industrial Ence-Elnosa, "un problema que limita as aspiracións de protección ambiental da illa e da súa contorna".
O informe final sobre a illa de Tambo non incluirá só os resultados do estudo que están a realizar os investigadores da Universidade de Vigo, xa que unha vez estes se fagan públicos se celebrarán dous foros para coñecer a opinión dos axentes sociais e a cidadanía. "Só nese intre procederemos á redacción do informe final", explica o tamén director da Cátedra Unesco en Desenvolvemento Litoral Sostible de Campus do Mar.