A próxima Sétima Feira sacará a lingua

Pontevedra
10 de maio 2017

A Sétima Feira súmase á celebración das Letras Galegas. Este evento, que trata de dinamizar o mercado de abastos poñendo en valor as vangardas artísticas e creativas da cidade, proporá na súa próxima edición, este sábado 13 de maio, que os asistentes saquen a lingua

Sétima Feira
Sétima Feira / Cristina Saiz

A Sétima Feira súmase á celebración das Letras Galegas. Este evento, que trata de dinamizar o mercado de abastos poñendo en valor as vangardas artísticas e creativas da cidade, proporá na súa próxima edición, este sábado 13 de maio, que os asistentes 'saquen a lingua'.

Desta volta, a xornada comezará ás 11.00 horas e estará amenizada polo pica-discos Guli co melloriño do rock en galego e ás 13.00 horas será a quenda da sesión vermú a cargo de Marcelo Dobode e as Amoras Maduras.

Os rapaces achegaranse ás vangardas galegas para logo centrarse na obra do debuxante, pintor e escritor Luis Seoane. Como novidade, este mes haberá un taller moi especial. A fotógrafa Cristina Pontanilla ensinará a tirar máis partido da cámara do móbil.

A participación nos obradoiros é de balde previa inscrición en setimafeira@pontevedra.gal ou directamente e por orde de chegada o día da actividade.

Nesta Sétima Feira, estarán os postos de Black Whale Project (complementos en pel), Gaia dos nenos (infantil), Boh (ilustración), Sheela Tato (deseño gráfico), Mundaya (bolsos), Mágicos Gagarín (ilustración e escultura en cerámica), North Surf Culture (téxtil), Xiralúa (deseño gráfico), Leónlagata (xoiería en cerámica), Somos océano (téxtil), Sipi Nopi (infantil), Patakafrita (libraría), A gata moskovita (complementos de moda) e Alexandra Bast (ilustración).

Ademais de poder gozar de toda esta creatividade, a praza de abastos ofrecerá produtos de calidade que se poderán degustar nos locais do propio mercado, como son Los Olmos e Bar La Plaza pero tamén no Bioco e Vetula Ponte.

A artista Alba Blanco ilustrou 100 pezas únicas que se repartirán entre os catro locais para todas as persoas que se animen a mercar e gozar do peixe, marisco, carne e legumes que o mercado ofrece e levalos a preparar nalgún destes catro establecementos.

Arquivado en