A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que os datos turísticos de Semana Santa foron "case insuperables", ao conseguir o 80% de ocupación hostaleira media na provincia, 12 puntos máis que o conseguido durante o mesmo período do ano pasado.
"Foi a mellor Semana Santa dos últimos anos, e os resultados nos sitúan no número un de Galicia e a nivel estatal entre os grandes destinos turísticos", valorou a presidenta.
A comarca do Salnés conseguiu unha ocupación hostaleira superior ao 85%, o que supón 17 puntos máis que o ano pasado. Os municipios do Grove e Sanxenxo superaron o 90% de ocupación. A comarca de Pontevedra alcanzou un 78% de ocupación hostaleira, chegando ao 85% na capital e ao 83% en Poio.
Pola súa banda O Morrazo superou o 78% de ocupación hostaleira, a comarca de Caldas chegou ao 60%, a de Vigo conseguiu un 87%, e a cidade olívica chegou ao 95% de xoves a sábado. O Baixo Miño tivo unha ocupación do 77% e nas comarcas do Condado e A Paradanta establecementos como o Balneario de Mondariz chegaron ao 93%. No caso das comarcas do Deza e Terra de Montes a ocupación superou o 70%.
En canto ao turismo rural, o estudo realizado por Turismo Rías Baixas sitúa á ocupación media provincial durante a Semana Santa no 70%, case 23 puntos máis que a porcentaxe obtida durante o mesmo período do ano pasado.
Carmela Silva defendeu que os datos de Turismo Rías Baixas proveñen dun estudo cuantitativo asentado en enquisas cun nivel de confianza do 95% e realizadas a case dous centenares de establecementos hostaleiros da provincia.
PERFIL DO TURISTA
En canto ao perfil das persoas que visitaron a provincia de Pontevedra, a presidenta da Deputación informou que un 83% eran españolas procedentes de Madrid, Biscaia, Cantabria e Asturias. As estranxeiras, que supoñen o 17%, procedían de Portugal, Alemaña, Estados Unidos, Reino Unido e Italia.
O 54% das persoas que se achegaron ás oficinas de turismo da provincia tiña entre 35 e 60 anos e o 52% aloxáronse en hoteis entre 4 e 6 días maioritariamente. Tamén son maioría as persoas que citan ao lecer e á cultura como os aspectos motivadores para a visita á provincia. Ademais, o 68% non visitara o destino con anterioridade, "co que seguimos atraendo visitantes que nunca antes estiveran na provincia", concluíu Carmela Silva.