A Deputación de Pontevedra recollerá o vindeiro xoves 20 de xaneiro ás 11:00 horas no marco da feira Fitur o premio que vén de conseguir a provincia como mellor destino SICTED de toda España nos XII Premios de Calidade Turística en Destino, outorgados polo Ministerio de Turismo.
A provincia convértese deste xeito no único territorio galego entre os 19 destinos galardoados nesta edición do certame.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou que "somos o destino de maior calidade de España deste ano, polo que cómpre dar os parabéns a todas e todos por este recoñecemento ao labor que realizamos desde a institución".
A responsable provincial agradeceu por iso ao sector privado da provincia "polo seu compromiso e bo facer e por apostar por sumarse a este distintivo de calidade turística nos destinos" e ratificou a aposta provincial polo turismo de calidade.
"Seguimos avanzando porque a nós impórtanos o sector turístico, traballamos por el, e este recoñecemento ao mellor destino de calidade turística é un recoñecemento que nos impulsa a traballar aínda máis e mellor", engadiu.
O pasado ano a Deputación xa vira recoñecido o seu traballo na edición destes premios, acadando o galardón á mellor xestora do SICTED grazas ao plan de formación de calidade implementado pola institución, que impulsou que máis de 300 establecementos turísticos da provincia (302) xa teñan acadado o distintivo.
Ademais, a Deputación está a traballar con arredor doutros 50 establecementos que están a piques de recibir o SICTED, o que elevaría potencialmente ata 350 o número de establecementos distinguidos. Pontevedra é a provincia con maior número de establecementos adheridos.
Para seguir sumando novos establecementos, a Deputación acaba de renovar a súa aposta polo servizo de implantación e desenvolvemento do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos, cun orzamento próximo aos 240.000 euros e durante 27 meses.