A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ofreceu este venres en rolda de prensa os datos de ocupación turística acadados no mes de setembro cunha media do 61,8%, o que supón 9,3 puntos máis que no mesmo período de 2021.
Carmela Silva destacou que cuns meses de xullo e agosto "históricos" en visitas, a provincia mantén en setembro o seu liderado turístico en Galicia. "Os datos son magníficos en todas as comarcas, nalgúns casos espectaculares" dixo a presidenta da Deputación en referencia a "un dos mellores setembros dos últimos anos".
A presidenta provincial explicou que o resultado de setembro superou as propias expectativas da institución, que situara a previsión no 59%. A provincia rexistra aumentos que chegan ao 28% nalgunhas comarcas, como é o caso de Condado-Paradanta.
A comarca de Vigo obtivo a ocupación máis alta, co 71,5%, seguida de Caldas cun 70,2% e un espectacular incremento do 23%. Pontevedra e Baixo Miño situáronse por riba do 63%, mentres que Condado-Paradanta alcanzou o 62%, O Salnés obtivo case un 58%, Deza-Tabeirós superou o 51% e O Morrazo acadou o 49%.
En canto aos concellos, as cidades situáronse á cabeza, co 75,1% de ocupación en Vigo e o 73,4% en Pontevedra. Respecto a outros polos turísticos da provincia, Baiona chegou ao 69,2%, cun crecemento de tres puntos, mentres que Sanxenxo rozou o 58% cun aumento do 5,8% e O Grove acadou o 54,3%.
A presidenta da Deputación cualificou tamén de "moi positivos" os datos dos aloxamentos de turismo rural, cunha ocupación media do 48,8%, case tres puntos máis que no 2021. Neste apartado as comarcas de Caldas e Baixo Miño obtiveron as maiores porcentaxes de ocupación, por riba do 62%. Destaca ademais o aumento de 20 puntos respecto a setembro do ano pasado en Pontevedra e a súa contorna.
A ocupación de vivendas turísticas superou o 60%, e o castelo de Soutomaior recibiu a 3.670 persoas, un milleiro máis que en setembro de 2021 e Sobroso foi visitado en setembro por 829 persoas. No conxunto do verán alcanzáronse as 23.200 persoas no castelo de Soutomaior e máis de 7.000 en Sobroso.