A provincia de Pontevedra gastará máis de 35 millóns de euros nestas Festas do Entroido

Pontevedra
22 de febreiro 2017

Para este Entroido obsérvase un aumento do 6% dos gastos en disfraces, alimentación e supermercados con respecto ao 2016. Mércase moito produto para estas festas en bazares chineses. Só en alimentación do Entroido van gastarse máis de 12 millóns de euros

Galería de fotos Entroido 2016 (e IV)
Galería de fotos Entroido 2016 (e IV) /

O entroido ten cada vez maior atracción para o público e os concellos esméranse en organizar diversos actos e desfiles para o goce dos veciños e turistas que acoden desde as diversas localidades de Pontevedra.

Segundo a enquisa da Federación do Comercio de Pontevedra obsérvase un aumento do consumo dun 6% nestas festas respecto ao 2016. Os sectores onde máis se consome é en bazares chineses, tendas de xoguetes, grandes centros comerciais, seguidos polas mercerías, comercios de teas en xeral, papelerías e droguerías, entre outros.

Do gasto total estimado en disfraces por localidades, de 23 millóns que se gastarán en toda a provincia, espérase que no Concello de Pontevedra se invistan sobre 800.000 euros e 300.000 euros os habitantes de Vilagarcía de Arousa.É chamativo o relacionado co gasto de disfraces por idades, xa que sumando as cifras de menores de 14 e de entre 15 e 24 anos xuntarían aproximadamente uns 6 millóns, quedando por baixo do que se espera por parte dos maiores de 25 anos, que é de 16 millóns, cun gasto medio de 53,42 euros por persoa.

En canto á participación, o 60% dos enquisados teñen intención de participar nos actos que se celebran durante o Entroido. O principal reclamo para as comparsas e os grupos que participan nos desfiles adoitan ser os premios que outorgan os concellos. Tamén é posible apreciar un incremento do número de escolares que se disfrazan este ano, xa que a primeira celebración téñena no colexio e despois participan no entroido local ou nas diversas actividades que organizan os concellos, onde hai maior implicación.

Un dos gastos principais, como adoita ser habitual, é o consumo da gastronomía tradicional, como orellas, filloas ou lacón con grelos. O gasto medio do consumo dos produtos é de 12,50 euros por persoa, segundo a citada enquisa, no que se inclúen tamén as ceas en restaurantes e o consumo nos mercados e supermercados.

Do total previsto de 35 millóns de euros, case 12 millóns corresponden á parte de alimentación, e os restantes 23 millóns a disfraces e demais compras de entroido.

Arquivado en