A provincia axiliza os trámites de asilo para 28 refuxiados afgáns

Pontevedra
20 de setembro 2021

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba destacou o traballo das entidades sociais que colaboran en Pontevedra na acollida destas persoas para lograr a súa rápida inserción

A provincia de Pontevedra acolleu a 28 persoas afganas solicitantes de asilo
A provincia de Pontevedra acolleu a 28 persoas afganas solicitantes de asilo

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, recibiu este luns a representantes das ONG Cruz Vermella e da Asociación Diversidades Acolle que na provincia de Pontevedra colaboran na acollida de persoas refuxiadas afganas no marco da denominada Operación Antígona posta en marcha polo Ministerio de Inclusión social e Migracións. 

Entre ambos colectivos prestan acompañamento e asistencia a 28 persoas chegadas de Afganistán. Concretamente, Cruz Vermella estase a facer cargo de 15 persoas pertencentes a catro unidades familiares e Diversidades de dúas familias que suman 13 membros. Na reunión tamén participou a comisaria de Pontevedra, Estíbaliz Palma, e axentes da Brigada de Estranxeiría.

O encontro analizouse a situación actual dos refuxiados nos dous centros de acollida, e estudouse as necesidades a cubrir de cara o futuro co fin de que estas persoas poidan refacer as súas vidas canto antes. 

Larriba indicou que a situación das familias está "normalizada" e que toda a operación se desenvolveu "sen contratempos e conforme ao previsto". Ao mesmo tempo, explicou que os procesos administrativos relacionados co empadroamento ou cos permisos de residencia das persoas desprazadas están finalizados ou en fase de finalización.

A subdelegada lembrou que a Subdelegación do Goberno en Pontevedra permanece a enteira disposición das organizacións ás que lles ofreceu "máxima colaboración e diálogo permanente" co fin de acadar unha pronta e efectiva integración social, cultural e laboral das familias chegadas Afganistán.

Así, fixo un balance "moi positivo" do traballo desenvolvido por parte das dúas entidades ás que lles agradeceu "o compromiso e o esforzo realizado ao longo das últimas semanas ante esta situación de emerxencia humanitaria". "Tanto a Cruz Vermella como Diversidades Acolle", sinalou, "son organizacións cunha dilatada traxectoria en programas de protección que afrontaron con solvencia a resposta a primeiras necesidades como a alimentación e a atención sanitaria e que agora xa avanzan na integración dos solicitantes de asilo".

Larriba tamén agradeceu e puxo en valor o traballo desenvolvido pola Brigada Provincial de Estranxeiría para axilizar os trámites administrativos e ofreceu máxima colaboración por parte da Subdelegación no relativo aos procesos que poidan implicar servizos desta administración.