A próxima cita do verán na Lama será con motivo da onomástica de San Joaquín e Santa Ana, festas locais no municipio e que traerán o venres 26 unha actuación da Banda de Música Municipal a partir das 20.00 horas na Praza da Pedreira.
O sábado 27, no mesmo lugar e mesma hora, ofrecerá concerto a Banda de Música Artística de Bueu. Para completar a fin de semana, o domingo 28 ás 22.00 horas na Alameda, actuación de música folk con Anxo Lorenzo Band e que forma parte do programa +Música da Deputación.
Encarando a próxima semana, o luns 29 o público infantil contará co espectáculo de maxia e contacontos 'Glub glub' a cargo de Expresión Contacontos. Comezará ás 18.30 horas no Multiusos.
O martes 30, segunda edición da Festa da Mocidade a partir das 23.30 horas na Alameda con actuacións da Mekánika e o Dj caldelano Aitor Alfonsín. E o mércores 31, de novo no Multiusos, representación teatral a cargo de Teatro Amileños que representará a obra 'A chegada de Carmiña' de Varela Buxán. Comezará ás 20.30 horas.
Entrados no mes de agosto, o xoves 1 a partir das 17.00 horas, desde os tres anos de idade poderase participar no paseo en piragua polo Verdugo. Sairá desde a praia fluvial. Esta actividade require inscrición previa que se poderá formalizar ata o día anterior na Biblioteca ou nos teléfonos 633 655 233 e 986 76 82 38 (engadindo a extensión 4).
O venres 2, a partir das 17.00 horas festa infantil con inchables, piscinas móbiles, música e escuma. O domingo 4 na Carballeira de Antas será a comida da terceira idade. Os tickets para asistir pódense retirar xa nas dependencias do Concello.
Para completar o programa, o martes 6 honrarase ao patrón da Lama, San Salvador. Ademais dos actos relixiosos, ás 12.30 horas na Praza da Pedreira haberá un concerto de acordeóns a cargo de Acorde Sons do Verdugo.