Un mínimo de 26 asociacións e entidades participarán na Feira Franca os vindeiros 5 e 6 de setembro e todas están xa a ultimar as súas creacións, actividades e espectáculos para animar e imbuir á cidade na astronomía no medievo, que é a temática da edición actual.
Música e danza medieval, exhibicións de esgrima e tiro con arco, de cetrería, confección de papel vexetal, obradoiros de escritura medieval, torneos medievais, obradoiros de astronomía, e moita animación de rúa con teatro, música, cantares de cego, cantigas de Alfonso X, entre outras son as ofertas para esta edición.
As asociacións e entidades participantes na edición 2014 son a asociación de Coros e Danzas Duos Pontes, as entidades de animación de rúa Kull D`sac e Troula, a Asociación cultural Pola Vila, a entidade Art Monium de animación de rúa, a Escola Hungaresa de Esgrima, a Mercenarios do Norte (tamén de esgrima), a Asociación Tiro con Arco Boa Vila, a entidade Falcóns de Galicia de cetraría, o club de danza Treboada, a entidade Olodum do Coio de animación de rúa, Legend Especialistas encargados do torneo medieval, a entidade Foula de animación de rúa, o pasarrúas dos Errantes, a entidade Ventos, a asociación recreativa de Xeve, a Asociación sociocultural de Meiro-Corvo (Bueu), a Asociación sociocultural Cedofeita, a Asociación veciñal Salcedo Norte, a Asociación de veciños San Bieito de Lérez, a Asociación Alba, Asociación Sirio, a Asociación Fins e a Asociación Fieitiña.
Os Coros e danzas de Duos Pontes serán os encargados de facer os bailes medievais o venres 5 de setembro na praza do Teucro e habilitarán unha taberna medieval ambientada na parte posterior da Casa do Concello; as compañías Kull D`sac e Troula serán as encargadas do espectáculo inaugural, cun videomapping creado por La Factoría del Mapófono que levará por título "Un ceo para mil culturas"; e a Asociación Recreativa de Xeve e a entidade Art Monium protagonizarán o transporte do viño dende Santa Clara ata a Peregrina.